Redondela acolle un curso de monitor de fútbol base impartido pola Federación Galega. O obxectivo destes cursos é ofrecer aos clubs “a mellor formación posible” para os adestradores dos máis pequenos. Entenden que deben ser “educadores” que máis aló do deporte, tamén ensinen aos nenos valores como a solidariedade e o compañeirismo.
Ese é o obxectivo de Manuel Mosquera, o director da Escola Galega de Adestradores, para quen os adestradores deben ser profesionais cos que as familias deixen aos fillos “con total confianza” sabendo que están “nas mellores mans”. Por iso o curso non se limita a formar aos monitores en técnica e tácticas de fútbol, senón tamén en psicoloxía e outras materias propias da pedagoxía dirixida a nenos e nenas. O presidente da Federación Galega de Fútbol, Gustavo Falque, entende que é “fundamental” para o este deporte que os clubs conten con técnicos que teñan cada vez “máis e mellor” formación, o que redundará nun futuro mellor para o fútbol galego en todas as categorías. No caso de Redondela, o edil de Deportes Jesús Crespo, sinalou que trata dunha “boa oportunidade” para os clubs do municipio, que poderán inscribir aos seus monitores e mellorar a súa formación. Representantes das directivas do C.D. Choco, Chapela, Vilar e Cesantes, que asistiron á presentación, xa anunciaron que algúns dos seus adestradores participarán no curso. As clases comezarán o 31 de marzo e constan de 65 horas lectivas, que se impartirán os martes e mércores en horario de 20.00 a 23.00 horas. As clases teóricas serán na aula de formación da Marisma, e as prácticas nas instalacións deportivas de Santa Mariña. O prezo da actividade é de 150 euros e o número de prazas está limitado a 35 alumnos. Os interesados, que deben ser maiores de 16 anos, poden descargar a ficha de inscrición na páxina web da Federación Galega de Fútbol.