Hoxe é Domingo 8 de Decembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

As Pontes dá a sorpresa e frea ao Choco

RR_Noticias

Non foi un bo encontro dos de Jacobo Montes, que sufriron unha dura derrota no Campo do Poboado por 3-0. Os redondeláns perden o liderado e agora son terceiros da Terceira División. Mellores resultados para os equipos da bisbarra en Segunda Autonómica con triunfos do Choco B e o Arcade, fronte ao Racing de Castrelos e o San Adrián, respectivamente.

Terceira División
As Pontes 3-0 Choco
Os redondelaáns non xogaron onte un bo partido nas Pontes. Os locais levaron o peso do encontro desde os primeiros minutos, e Cortegoso tivo que empregarse a fondo moi pronto, cando ao tres minutos de xogo tivo que sacarlle un balón a Sergio Arias. O Choco tivo a súa gran oportunidade pasada a media hora de xogo. Hugo aproveitou unha indecisión de Rochela para meter a punteira pero Adrián desviou o balón. O descanso chegou con 0-0 no marcador. Na segunda metade As Pontes continuou coa súa presión, e no minuto cincuenta e dous conseguía adiantarse. Rizo meteulle o balón a Pablo Domínguez na banda esquerda e este, dun potente disparo logra o primeiro tanto. O Choco tratou reaccionar para lograr o tanto da igualada. A presión permitiulle dispor a oportunidade de sacar varios saques de esquina que non foron capaces de aproveitar. A cinco minutos para a conclusión do encontro, unha indecisión do porteiro local Adrián ten que ser sacada na mesma liña de gol por Aitor e frustra as opcións redondelás. E do que puido ser o tanto do empate para o Choco pasouse ao segundo do As Pontes, sen tempo de remontar. Para rematar a dous minutos para o final, un fallo defensivo do Choco rematou cunha pena máxima que transformou Sergio Arias certificando a vitoria local co 3-0 definitivo. O Choco deixouse así nas Pontes o liderado de Terceira División, despois de sumar a súa segunda derrota consecutiva, primeiro ante o Rápido de Bouzas e onte fronte o As Pontes. O equipo de Jacobo Montes cae agora á terceira posición, a dous puntos do novo líder, o Cerceda. A próxima fin de semana, os redondeláns reciben a visita do Alondras, interesante encontro, xa que ambos os equipos, xunto co Arousa, están igualados con vinte e dous puntos.
Segunda Autonómica

Choco B 3-1 Racing de Castrelos
O filial do Choco é 4º logo da vitoria diante dos vigueses, e a próxima xornada xogan na casa do 3º clasificado, o At. Matamá, que os adianta nun punto.
Arcade 1-0 San Adrián
O Arcade recupera algunha posición na táboa, aínda que seguen na metade baixa da clasificación. A próxima xornada xogan no campo do Catoira, co que están empatados a puntos
Terceira Autonómica

Cesantes 0-2 Cotobade
Os redondeláns baixan á metade baixa da táboa logo da derrota co Cotobade. Na próxima xornada xogan no campo dun dos equipos máis fortes do grupo, o Campañó
Chapela 4-4 Miño
O empate fai que o Chapela perde o liderado en solitario. Segue na cabeza da clasificación pero agora empatado co Nieto, que os adianta polo gol average. E precisamente o Nieto será o seu rival o próximo domingo.
Moledo 0-2 Beretes Chapela
O Peña Beretes de Chapela impúxose a domicilio ao Moledo, e remonta varias posicións na táboa. A próxima xornada Beretes Chapela-Coia, un rival asequible para os redondeláns
Vilar 1-2 Rubiós
Os redondeláns baixan dúas posicións, ata a 6ª praza do grupo, logo de perder diante do Rubios. Na próxima xornada xogan no campo do Caselas B, unha posición por baixo dos redondeláns
Fútbol Sala
Liga Galega Norte

Redondela F.S. 3-3 Vigo Futbol sala
O Redondela, que segue mermado polas baixas, non puido pasar do empate ante o Vigo Futbol Sala. Os de Julio Mougán caen ata a sexta posición na táboa, e na próxima xornada viaxan á pista do Mondariz, un dos equipos da metade baixa do grupo.
Verín Futsal 7-2 Campito
Os de Chapela non puideron co conxunto ourensán, un dos máis fortes do grupo, e recibiron unha abultada derrota. E tampouco o terán fácil na próxima xornada, xa que van recibir a outro dos equipos máis en forma do campionato, o Lume Bamboo KrugNaval, que ocupa a terceira praza.
Liga Galega Norte

Arealonga F.S.5-6 Riazor F.S.
O Arealonga plantou cara ao equipo coruñés, pero a calidade do Riazor impúxose. Os redondeláns afúndense cada vez máis na parte baixa da táboa, e a próxima semana visitan a pista do Concello de Begonte, equipo situado no ecuador da clasificación.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará