Hoxe é Venres 19 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Choco recupera a senda do triunfo cunha goleada diante do Dorneda en Santa Mariña

RR_Noticias

Despois de case dous meses sen gañar, período no que acumularon tres empates e outras tantas derrotas, o conxunto de Jacobo Montes rompeu este domingo a súa mala serie ao imporse por 4-1 ao Dorneda. Os redondeláns encarrilaron o seu triunfo con dous goles á media hora de xogo, nunha xornada especialmente propicia para o fútbol local con vitorias en case todas as categorías.

Terceira División
Choco 4-1 Dorneda
Os primeiros 25 minutos de partido foron moi equilibrados. Os locais non conseguían facerse co control e o Dorneda puido mesmo adiantarse no marcador. Pero Iago, en posición escorada, enviou fóra por pouco o seu intento de picar o balón ante Cortegoso. O que non fallou foi Yerai, que inaugurou pouco despois o marcador cun perfecto tiro cruzado. E tampouco o fixo Pablo Couñago no man a man ante Guillermo despois dun servizo de Curri. O Choco xa encarrilara o partido e pareceu sentencialo cun novo tanto ao pouco de comezar a segunda parte. Nesta ocasión foi Curri o que recolleu un balón solto á saída dun córner e logrou o 3-0 cunha boa volea. Yerai, Pablo Couñago e Caloi puideron incrementar aínda máis a renda redondelá. Non o conseguiron e o Dorneda viu a súa posibilidade de engancharse ao partido nun balón longo que a defensa local non acertou a despexar. Jhony estrelou o seu primeiro intento no poste pero el mesmo recolleu o rexeite para recortar distancias. O gol dos de Carlos Brizzola espertou o medo no Choco. Case sen darse conta, o equipo de Jacobo Montes deu un par de pasos atrás e cedeu a iniciativa ao Dorneda. Iso si, os locais tiveron dous contragolpes moi bos para pechar o encontro. Non os aproveitaron e tiveron que esperar até o último minuto para facelo. Foi entón cando Rafa si logrou desfacerse de Guillermo para lograr o 4-1 e selar o reencontro redondelán coa vitoria. O resultado déixaos na sétima praza do grupo, a 5 postos do cuarto clasificado, o Cerceda, que será o seu próximo rival
Segunda Autonómica
S. Esteban 2-4 Choco B
O filial do Choco conseguiu unha espectacular vitoria na na casa do líder, o S.Esteban. Tras unha primeira metade inmensa do Choco B, na que se puxo tres goles por riba, os locais reaccionaron na segunda parte. A última media hora de partido, co 2-3 no marcador, foi moi emocionante. Ao final sentenciou o conxunto redondelán desde os 11 metros, aínda que o S.Esteban segue líder. O Choco B é 5º, e na próxima xornada reciben ao S. Miguel, da metade baixa da táboa.
Vilagarcía 2-3 Soutomaior
O Soutomaior impúxose no campo do Vilagarcía, do que agora está a tan só 1 punto. A próxima xornada reciben ao Chispa, penúltimo clasificado.
Arcade 3-2 Bueu
Hugo, Raúl e Víctor deron a vitoria ao Arcade. O Bueu tivo ocasións para acadar, cando menos, un empate, pero non acertou de cara á portería local. A próxima xornada os de Soutomaior xogarán no campo do pechacancelas, o Marín B.
Terceira Autonómica

Cesantes 2-0 Vilaboa
Os redondeláns puideron co Vilaboa, un dos equipo da parte alta da táboa. A vitoria déixaos na 11ª praza. O domingo xogan no campo do S. Andrés.
Moledo 0-0 At.Vilar
A situación dos dos equipos facía pensar nun partido moi igualado, e así foi. Vilar e Moledo non pasaron do empate nun partido sen goles que deixa aos redondeláns na 9ª praza do grupo. O domingo recibirán ao Balaídos, equipo afundido na parte baixa da táboa.
Chapela 3-0 Montecastelo
Os de Redondela están a facerse cada vez máis fortes no seu grupo, agora o Chapela é 5º logo da vitoria sobre o Montecastelo. Esta semana preparan a visita ao campo do Casablanca, na parte baixa da táboa.
Covelo 4-1 Nespereira
Os de Pazos non puideron co Covelo e perderon por goleada, o que lle serve ó conxunto local para abandonar a última praza do grupo, que agora ocupa o C. Areas B. O Nespereira, que segue no 4º posto, recibirá o domingo ao líder, o Caldelas.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará