Hoxe é Xoves 25 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O comedor para os alumnos de Infantil e Primaria de Redondela mellora a conciliación familiar

RR_Noticias

Logo de dous anos nos que tiveron que superar moitos obstáculos e facer moreas de xestións, por fin as ANPAS dos colexios CEI Marisma e CEP Redondela puxeron en marcha este curso o comedor escolar. Utilizan un local cedido polo Concello no Centro de Formación e son os propios membros da ANPA os que de xeito voluntario trasladan as nenos desde o colexio ata o comedor.

Eva Lago, presidenta da ANPA do centro de Primaria, explica que esta ubicación do comedor é “provisional”, e confían en poder contar no futuro con outro local máis próximo ós colexios. Ante a falta de espazo no propio centro barallaban a posibilidade de ofrecer o servizo nun local da Casa do Mar, pero polo de agora non foi posible. Con todo, amósase “satisfeita” de poder facer realidade esta vella demanda das familias. O maior problema que supón o local, situado a carón da Piscina Municipal, é o desprazamento dos nenos desde os dous colexios ata as instalacións do Centro de Formación. Para iso cada día dúas persoas da ANPA encárganse de recollelos e acompañalos até o local. O traslado non supón ningún perigo porque un tramo é peonil e o resto está pechado ao tráfico no horario de entrada e saída dos alumnos. Os maiores problemas daranse “cando chova”, como explica Silvia Alonso, presidenta da ANPA do CEI Marisma, pero confían en solucionalo con “paraugas, chuvasqueiros e a axuda dos pais e os mestres”. O servizo de comedor, que estes primeiros días está a atender unha media de corenta nenos ao día, ofrece tres posibilidades: os nenos fixos, os discontinuos, e os esporádicos, que van días soltos avisando cun día de antelación, e todos se amosan satisfeitos co servizo. A comida é de “catering”, servida polo restaurante O Canario de Chapela, e o prezo do menú é de 4,30 euros. Polo de agora as familias deben abonar o 100% do prezo, pero confían en que o próximo curso poidan contar con algunha subvención da Xunta de Galicia que abarate o servizo. Tamén se establecerán por parte do Concello unha axuda para familias con baixos recurso. En canto á opinión dos nenos, en xeral amósanse “encantados” de xantar no comedor escolar, non só porque o menú está “moi rico” senón porque poden “xogar e pasar máis tempo” cos seus amigos. Con este novo comedor escolar os centros de Infantil e Primaria de Redondela súmanse aos outros sete centros públicos do municipio que contan con este servizo. Son o CEIP Alexandre Bóveda, CEIP Igrexa, CEIP Cedeira, CEIP Santo Paio de Abaixo, CEIP Outeiro das Penas, CEIP Porto Cabeiro e CEIP Laredo. As ANPAS dos colexios de Redondela están a estudar tamén a posibilidade de ofrecer o servizo de comedor aos alumnos da ESO do IES San Simón, próximo as estas instalacións. Para iso terían que contar tamén coa colaboración da ANPA do instituto. Polo de agora houbo algunhas familias que solicitaron información, pero non hai ningunha solicitude en firme.  

Eva Lago presidenta da ANPA
A actual ubicación do comedor escolar no Centro de Formación é provisional.
Traslado dos alumnos
Membros da ANPA fan cada día o traslado dos alumnos dos colexios ata o comedor.
Os nenos aproban o servizo
Os usuarios do comedor valoran positivamente o servizo porque lles gusta a comida e pasan máis tempo cos amigos.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará