A moción presentada polo PP contra o terrorismo de Resistencia Galega foi rexeitada cos votos en contra de todos os grupos da oposición que cualificaron a moción de “despropósito” ou “paripé”. Un longo debate no que os argumentos da popular Teresa París, encargada de defender a proposta, non convenceron a ningún dos grupos da oposición.
O pleno rexeitaba na sesión celebrada o pasado xoves a moción que os populares están a presentar en todos os concellos galegos na que solicitan a condena conxunta de todos os grupos “fronte ao terrorismo en xeral e especialmente “o practicado pola organización Resistencia Galega”. Socialistas e nacionalistas así como o edil da Agrupación de Electores, amosaron o seu rexeitamento unánime a calquera acto de terrorismo e incluso propuxeron apoiar a moción no caso de que o acordo condenase o terrorismo en xeral eliminando as referencias a agrupación Resistencia Galega, unha proposta que chegaba dende o PSOE a través do edil Luís Orge Dende o BNG, Cecilia Pérez criticaba que “o PP estea a usar este tema para demonizar a determinadas organización políticas e sociais” e cualificaba de “despropósito e cortina de fume” a presentación da moción. O edil de AER, Alfonso Blanco aproveitaba para lembrarlles aos populares que dende a súa formación “non se está a actuar coa mesma contundencia ante algúns mozos de Nuevas Generaciones que está a facer apoloxía do terrorismo loando o réxime franquista” e poñían sobre a mesa os datos que abalan “a escasa preocupación existente entre a poboación ante a ameaza terrorista”. A popular Teresa París defendeu a moción pola necesidade de condenar o terrorismo “en todas as súas manifestacións” e asegurou que o seu grupo a expón agora “porque coincide co momento no que os mozos de Resistencia Galega están a espera dunha sentencia”.