Hoxe é Venres 29 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Os veciños defenden a decisión de AER de non apoiar unha moción de censura no Concello

RR_Noticias

A moción de confianza vinculada ós orzamentos que presentou o alcalde Javier Bas no pleno do Concello abría a porta en Redondela a unha moción de censura. A negativa de AER a apoiar un goberno alternativo encabezado polo PSOE fai que esta opción sexa inviable. Unha postura que defenden maioritariamente os cidadáns, ao recoñecer que deste xeito AER “é fiel” ao seu electorado.

E aínda que non se trata dunha enquisa científica, o certo é que a sensación xeralizada nas rúas de Redondela é esa. Así o manifestan veciños como Maribel, que rexeitan a estratexia política da moción de censura. Entende que debe ser o electorado o que “poña ou quite” ós gobernos unha vez transcorrido o mandato. Da mesma opinión é José, que lembra que a moción de censura que levou á alcaldía a Amado Ricón en 1996 “saíulle cara” ós populares. Outros como Daniel e Santiago defenden que AER se manteña fiel ós seus principios e sexa “consecuente” coa promesa feita ó seu electorado de que non pactarían con ningún partido. Juan Carlos, que se manifesta votante da Agrupación de Electores, está “satisfeito” coa decisión adoptada e defende “que non se vendan”, xa que ese foi o seu compromiso electoral, e afirma que os seus votantes se sentirían “enganados” se apoiasen a moción. Con todo, tamén hai sectores da poboación que os critican por permitir que continúe o goberno do PP cuns orzamentos “que toda a oposición rexeitou”, incluído AER. É o caso de Emilio, que mantén que se AER non aproba as contas debería apoiar a moción, e asegura “non entender” a liña política da Agrupación de Electores. Hai quen pensa que todo formar parte dunha “estratexia” política. Dani lamenta que o alcalde lanzase o “órdago” cos orzamentos, en lugar de tentar “chegar a un consenso” co resto de partidos, aínda que recoñece a Bas a xogada “saíulle ben”. O prazo que teñen os grupos da oposición para presentar unha candidatura alternativa remata o 6 de xullo, pero xa hai días que se coñece o desenlace. A moción de censura, defendida por PSOE e BNG, non será posible ante a negativa de AER a apoiar un goberno encabezado polos socialistas.  

Maribel: "Non me gustan as mocións de censura".
Para esta veciña a postura de AER é correcta xa deben ser os cidadáns os que decidan nas próximas eleccións.
Daniel: "Os de AER son fieis ao que prometeron".
Este mozo entende que se apoiaran a moción defraudarían ó seu electorado.
Emilio: "Se rexeitaron os orzamentos deberían apoiar a moción de censura".
Emilio critica a liña política de AER xa que permite a aprobación duns orzamentos que toda a oposición rexeita.
Dani:"Ao PP saíulle ben a xogada"
Para ese veciño tería sido mellor que o PP consensuara as contas co resto dos grupos.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará