O aínda concelleiro da Agrupación de Electores Jorge Varela “Chopi” asegura que esta formación “está farta de promesas incumpridas por parte do goberno de Bas” por este motivo non desbotan apoiar un posible goberno alternativo sempre e cando “recolla as nosas demandas que pasan por unha maior transparencia e maiores investimentos en políticas sociais”.
Moito cambiaron as cousas dende hai dous anos, ou aló menos así o entenden na Agrupación de Electores quen no inicio deste mandato rexeitaron apoiar un eventual goberno formado polos concelleiros de PSOE e BNG. A abstención do único edil de AER naquel pleno de investidura logo das eleccións municipais facilitou a chegada dos populares á alcaldía redondelá.
E parece que o concelleiro de AER volverá ser chave no futuro máis inmediato. De cumprírense as previsións o alcalde Javier Bas perderá a cuestión de confianza vencellada ao orzamentos municipais que se debate con carácter de urxencia ás 19:00 horas de hoxe. Abrirase polo tanto un período de un mes durante o cal a oposición tería oportunidade de presentar un goberno alternativo que desbanque da alcaldía ao actual.
O representante de AER no concello Jorge Varela “Chopi” (quen cederá hoxe a súa acta de concelleiro a Alfonso Blanco “Pochi”) asegura que a Agrupación “está aberta a un posible cambio de goberno”. Adiantan que xa falaron co PSOE nas últimas horas pero que non hai ningún tipo de acordo “xa que son eles os que teñen que mover ficha”. En base á proposta que lles chegue dende os partidos da oposición anuncian que tomarán unha decisión en asemblea como o veñen facendo ata o de agora.
Engaden que están “fartos dun goberno que non cumpre as súas promesas” e poñen como exemplo da “falta de transparencia do PP” a contratación da empresa de xestión cultural Biglab ou a organización do Lolapop”.