Hoxe é Venres 6 de Decembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela elixe ó seu persoeiro do ano 2013

RR_Noticias

O Concello publicou na súa páxina web as bases para a elección do persoeiro redondelán que será homenaxeado ao longo deste ano 2013. Todos os colectivos culturais e centros de ensino do municipio están convidados a participar propoñendo aos seus candidatos. Debe ser unha persoa xa falecida e que teña destacado polas súas achegas nos ámbitos cultural, científico, filantrópico, profesional ou outro no que, dalgunha maneira, puidera ter contribuído á mellora ou engrandecemento de Redondela.

O goberno local entende que Redondela é un concello cunha prolífica nómina de personalidades que cultivaron todas as facetas do saber, da ciencia, das artes e das letras. Polo tanto, estes intelectuais egrexios son merecentes dun recoñecemento público, e será a Concellería de Cultura a que asuma o reto de “rescatar” das páxinas da historia eses persoeiros senlleiros e o seu talento. É intención do Concello de Redondela mobilizar todos os axentes culturais para facelos copartícipes deste proxecto restaurador. Para tal fin, deseñarase un plan anual que estará dedicado a unha persoa cuxa obra reúna os méritos suficientes para divulgala a través do tecido asociativo. Xa que logo, o Concello acorda crear, baixo o selo ” Ano na memoria de …”, a convocatoria aberta a todos os colectivos culturais para participar na elección do persoeiro que será homenaxeado no ano 2013. As bases establecen que o candidato ou candidata debe sobresaír polas súas achegas nos ámbitos cultural, científico, filantrópico, profesional ou calquera outros nos que, dalgunha maneira, puidera ter contribuído tamén á mellora ou engrandecemento de Redondela. Poden participar todos os colectivos culturais recoñecidos no Rexistro municipal de asociacións e os centros educativos do concello. Cada asociación e centro educativo poderá presentar unha candidatura, debéndoo facer mediante unha memoria na que se fundamenten os méritos da personalidade proposta. Debe ser unha persoa real, xa falecida, nada ou vinculada a Redondela, e ter destacado, en xeral, no mundo das artes, das ciencias ou das letras, ou en calquera outro ámbito cultural, filantrópico ou profesional. O prazo para presentar as candidaturas, no Rexistro Xeral da Casa do Concello, finalizará o 28 de febreiro de 2013, ás 14:00 horas. O Concello nomeará unha comisión avaliadora das propostas recibidas, na que participarán 4 persoas vencelladas ao movemento socio-cultural, nomeadas por cada un dos grupos municipais. De non haber consenso tomarán a decisión en función da proporcionalidade da súa representación no Concello. Tamén formará parte desta comisión o presidente da comisión de cultura, con voz e sen voto. Unha vez decidida a candidatura, someterase a proposta á aprobación do Pleno do Concello na primeira sesión que se celebre. A Comisión de Cultura será a encargada de elaborar un proxecto anual e dinamizar os actos conmemorativos, en colaboración coa comisión sinalada na base quinta.  

Alberto Pazos concelleiro de Cultura
Pazos explicaba no pleno os obxectivos que se perseguen on este recoñecemento.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará