Hoxe é Martes 11 de Maio de 2021

Redondela supera a barreira dos tres mil parados ao sumar 100 novos desempregados en decembro

RR_Noticias

O último mes do ano deixou en Redondela 3.081 desempregados, o peor dato dos últimos dez anos. Para atopar unha cifra semellante, temos que ir até marzo do pasado ano cando no noso concello había 3.071 persoas sen emprego. Nos concellos da contorna o mes de decembro deixa un comportamento mellor. En Fornelos de Montes o paro caeu en dúas persoas e en Pazos de Borbén só sumou un novo desempregado mentres que en Soutomaior creceu en 38 persoas.

Redondela volve superar a cifra dos tres mil parados no mes de decembro logo de pasar de 2.980 desempregados no mes de novembro aos 3.081 do último mes do ano, o que supón despedir o 2012 con 101 persoas máis anotadas nas listas das oficinas de emprego segundo os datos publicados este xoves pola Consellería de Traballo. Unha barreira que non superabamos dende agosto de 2012 e até o pasado mes. Con respecto aos datos do mes de decembro de 2011 Redondela contabiliza 162 parados máis.
Nos concellos limítrofes o comportamento do desemprego mantívose estable menos no caso de Soutomaior que tamén viu como se incrementaron o número de persoas sen emprego no municipio en decembro con 38 parados máis, ao pasar dos 889 desempregados en novembro aos 927 en decembro. Se comparamos os datos cos do último mes de 2011, Soutomaior contabilizou 17 persoas máis paradas que hai doce meses.
Fornelos de Montes é o único que obtén un balance positivo no pasado mes, cando dúas persoas atoparon emprego. En novembro rexistraba 253 desempregados, cifra que descendeu até os 251 en decembro. No mesmo mes do ano anterior este concello rexistraba nove desempregados máis (259). En Pazos de Borbén o paro incrementouse nunha persoa no último mes do ano, ao pasar dos 474 en novembro aos 475 en decembro, o que supón 45 desempregados máis que hai doce meses.

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
LinkedIn
Share on pinterest
Pinterest
Share on whatsapp
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *