Hoxe é Martes 11 de Maio de 2021

O paro baixa lixeiramente en novembro en Redondela

RR_Noticias

Doce persoas atoparon emprego o pasado mes no noso concello o que racha a tendencia de tres meses consecutivos de subidas. En total son 2.980 os parados, 69 máis que no mesmo mes do 2011. En todos os concellos da contorna crece o número de desempregados. O caso máis notable é o de Soutomaior que suma 28 parados máis, seguido de Pazos de Borbén con 21 e Fornelos que rexistrou oito novos desempregados no mes de novembro.

O pasado mes de novembro o paro baixou en Redondela en doce persoas. Estas cifras rachan a tendencia á alza que viñan sufrindo os datos do paro dende o pasado mes de agosto e supón un descenso do desemprego do 0,40% ao pasar das 2.992 persoas anotadas no antigo INE no mes de outubro ás 2.980 de novembro. Malia todo se comparamos os datos cos de hai un ano o cómputo é negativo ao sumar 69 desempregados máis que en novembro de 2011 cando a cifra era de 2911.
O comportamento e oposto no resto dos concellos da contorna onde a taxa de paro creceu. O máis salientable é o caso de Soutomaior, concello que repite os malos datos do mes de outubro, sumando 28 novos desempregados, ao pasar dos 861 que rexistraba nese mes aos 889 do pasado. Malia todo o balance é positivo se o comparamos con novembro do ano anterior onde o número de persoas sen traballo neste concello era de 904, quince máis que no 2012.
Por riba da vintena tamén se move o concello de Pazos de Borbén, que sumou o pasado mes, 21 novos parados, ao pasar dos 453 de outubro, aos 474 de novembro, o que supón o incremento máis alto dende xaneiro deste ano. Se comparamos os datos cos de 2011, Pazos conta con 44 desempregados máis, xa que a cifra doce meses atrás era de 430.
O incremento máis moderado do desemprego no mes de novembro, foi o que rexistrou o concello de Fornelos de Montes, con oito persoas máis anotadas nas listas do desemprego, o que sitúa o cómputo total nos 253, seis menos que en novembro de 2011.
 
 
 

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
LinkedIn
Share on pinterest
Pinterest
Share on whatsapp
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *