Hoxe é Xoves 25 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Alumnos do IES Mendiño len a declaración do Día Internacional da Non Violencia contra as Mulleres

RR_Noticias

A Concellaría de Servizos Sociais, Muller e Igualdade organiza un programa de actividades que arranca mañá xoves e que se prolonga ata o mes de decembro. O seu obxectivo é implicar “a toda a cidadanía” e chegar cos actos ás diferentes parroquias. Por iso o manifesto institucional do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres foi elaborado polos alumnos do instituto, que serán os encargados de darlle lectura nun acto que se celebra mañá xoves ás 19.30 horas no Concello.

A concelleira Teresa París salienta que debe ser unha data para lembrar os avances na loita contra a violencia de xénero, pero tamén ten que servir como reclamo para que toda a sociedade siga “traballando e implicándose” na loita contra a violencia que sofren as mulleres. Dende o Concello de Redondela pretenden que a veciñanza reflexione sobre este importante problema social, organizando diversas actividades de sensibilización, prevención e denuncia. No programa inclúese a exposición “Un camiño por diante para a erradicación da violencia e a discriminación”, que pode visitarse no Multiusos de Redondela. O xoves, 22 de novembro, organízase unha Cadea Humana e a lectura da Declaración Institucional con motivo do 25 de novembro polo alumnado do IES Mendiño. Será ás 19.30 horas no Concello de Redondela, cun texto elaborado polo alumnado de 2º de Bacharelato do IES Mendiño. En caso de que chova, o acto trasladarase ó Multiusos da Xunqueira. Ás 19.50 horas farase unha homenaxe ás mulleres vítimas da violencia de xénero xunto a árbore Ginkgo Biloba na alameda. A partires das 20.00 horas celébrase o concerto “En pé de música contra a violencia de xénero” cun repertorio interpretado pola Coral Alvedosa no Multiusos de Redondela. O venres, día 23, haberá un Vídeo fórum no Centro Cultural de Vilar de Infesta, ás 18.30 horas. O sábado 24 será no Centro Cultural de Cedeira á mesma hora. A próxima semana, o mércores 28 de novembro celébrase no Multiusos de Chapela outro concerto “En pé de música contra a violencia de xénero”, neste caso cun repertorio interpretado pola Banda de Música de Chapela, ás 20.00 horas. O Vídeo fórum estará no Círculo Cultural Recreativo de Chapela o venres 30 de novembro, ás 19.00 horas, e no Centro Cultural de Cesantes o sábado 1 de decembro ás 18.30 horas. Dende o Concello convidan a toda a cidadanía a participar activamente destas actividades, “demostrando que a cidadanía redondelá está unida contra a violencia de xénero”. Teresa París lembra tamén que calquera persoa que queira asesorarse sobre o tema pode facelo no CIM (Centro de Información ás Mulleres), na rúa Isidoro Queimaliños, núm. 2 , ou chamando ao 986 40 80 43. Tamén na oficina de Servizos Sociais e Igualdade de Chapela, nos baixos do Pavillón de deportes, teléfono 986 45 89 93.  

Teresa París concelleira
A concellería quere implicar nestes actos a toda a cidadanía.
Vídeo forum
Celebraranse en Vilar Cedeira Chapela e Cesantes e serán participativos.
Servizos municipais de atención
Calquera veciño ou veciña pode asesorarse nos servizos municipais de Redondela ou Chapela.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará