Hoxe é Venres 29 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Mozos europeos descobren Redondela cun programa de voluntariado ambiental

RR_Noticias

Unha vintena de voluntarios procedentes de Serbia, Macedonia e República Chega estarán ata o día 19 de setembro en Redondela traballando nun proxecto medioambiental sobre os ríos. Trátase dun programa de intercambio xuvenil internacional no que participa o Concello de Redondela e a cooperativa Trespés.

O obxectivo é que os máis novos reflexionen sobre a necesidade de conservar os espazos fluviais e actuar sobre a custodia dos ríos. Unha interesante experiencia para estes mozos que compartirán actividades con outros rapaces galegos. O programa céntrase no río Fondón, as súas características, problemas e posibles solucións. Paulo Jablonski, da cooperativa Trespés, explica que este tipo de proxectos serven para que os mozos “vivan un interesante intercambio cultural, se formen en materias medioambientais, e coñezan lugares novos”. Ademais é un xeito “de dar a coñecer Redondela no resto de Europa”. Iveta Chmelová, da República Checa, e Monika Mitevska, de Macedonia, confesan que “poder coñecer Galicia” foi un dos motivos que as levou a participar no programa, ademais de facer un traballo “de protección da natureza”. Para Valentina Pravdic, de Serbia, non é a primeira vez que visita España, pero si Galicia, e con este proxecto agarda tamén poder mellorar os seus coñecementos de español. Para o compostelán Fernando Romero tamén está a ser unha experiencia “moi positiva”, que ademais o vai axudar nos seus estudos de Acuicultura. Todos eles participarán durante dez días dunha intensa actividade, onde realizarán unha avaliación ambiental do río Fondón para logo actuar nas súas ribeiras. O proxecto está subvencionado polo programa de “Juventud en Acción” da UE e propio Concello de Redondela.  

Paulo Jablonski da cooperativa Trespés
Jablonski fálanos dos obxectivos do programa.
Iveta e Monika
Estas mozas de República Checa e Macedonia fálannos da súa experiencia.
Valentina Pravdic
Para esta moza de Serbia non é a súa primeira viaxe a España.
Fernando Romero
A este compostelán a experiencia serviralle para os seus estudos.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará