Hoxe é Venres 19 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Choco busca selar o ascenso en Santa Mariña

RR_Noticias

A falta de dous partidos os redondeláns conxúranse para certificar a segunda praza no partido que disputan o domingo co Barbadás. De sumar os tres puntos, e se o Céltiga non gaña ó Ribadumia, terían asegurado o ascenso. Para animar á afección e que Santa Mariña sexa unha festa, a entrada será de balde. Pola súa banda, o filial tamén está de parabéns logo de certificar o ascenso a Segunda Autonómica.

No C.D. Choco non queren agardar ata a última xornada de liga, e fan votos para poder celebrar o ascenso en Santa Mariña este domingo. Diante terán ó líder do campionato, o Barbadás, que xa ten asegurado o ascenso. Polo de agora os de Jacobo Montes están invictos na casa, e agardan rematar así a liga. De sumar os tres puntos, e se o Céltiga non gaña ó Ribadumia, os de Redondela serían equipo de Terceira División a falta dunha xornada. O presidente do club, Cándido Mirou, pensa que é posible, e fai un chamamento a todos os afeccionados para que acudan ó partido do domingo en Santa Mariña, ás 18.00 horas. No club queren que o campo sexa unha festa, polo que as entradas para este encontro serán de balde, e repartiranse asubíos e aplaudidores entre o público para animar ó equipo. Mirou agradece o esforzo do adestrador, Jacobo Montes, e todos os xogadores, xa que malia levar tres meses sen cobrar “están a facer un gran traballo”. A directiva agarda poder pagarlle as nóminas “en breve”, xa que están pendentes de cobrar as subvencións do Concello e a Xunta de Galicia nos vindeiros días. No caso da achega da Deputación a partida podería demorarse máis, xa que “aínda non teñen aprobados os orzamentos”. A crise económica está a afectar ó club, que como o resto de entidades deportivas está a notar os recortes nas achegas dos socios, patrocinadores e administracións. Con todo, no deportivo está a ser un gran ano para o C.D. Choco, que xa confirmou o ascenso do seu equipo filial. O Choco B xa é equipo de Segunda Autonómica grazas ó bo traballo dun equipo que reúne xogadores moi novos “con outros máis veteranos”. Para Mirou agora o obxectivo é manter ese bloque en Segunda, ao que se incorporarán algúns xogadores do xuvenil, para tentar o ascenso a Primeira Autonómica. Na próxima temporada mediranse ó Chapela no que será un interesante derbi. Con todo, Cándido Mirou lamenta o descenso do equipo de Juan Casales, que considera “inxusto”. Fóra do ámbito deportivo o C.D. Choco ten previsto celebrar eleccións para a presidencia da Xunta Directiva o próximo 2 de xuño. Uns comicios que poderían non celebrarse finalmente se se confirma que a candidatura alternativa, de Iván Rodríguez, se retira da convocatoria.  

Cándido Mirou presidente
O club agarda que Santa Mariña sexa unha festa para celebrar o ascenso.
Choco B
Mirou salienta o bo traballo do filial que acadou o ascenso a Segunda Autonómica.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará