Hoxe é Venres 29 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Choco mantén as opcións de ascenso na Lomba

RR_Noticias

Con goles de Yerai, Ropero e Caroi o equipo redondelán acadou o triunfo por 2-3 sobre o Arousa. Os locais puxéronllo difícil ós de Jacobo Montes, que acabaron pedindo a hora. No resto de categorías o Chapela confirmou o descenso a Segunda Autonómica, categoría á que ascende o Choco B. En remo o C.R. Chapela quedou na segunda praza na regata disputada en Vilaxoán.

 
Preferente Autonómica
Arousa 2-3 Choco
Os locais puxéronse por diante no marcador cun gol de Camiño, pero os redondeláns empataron pouco despois grazas a un tanto de Yerai a porta baleira. Só catro minutos máis tarde o Choco poñíase por diante no marcador cun gol de Ropero tras a asistencia de Yerai. No minuto 64 Caroi poñía o 1-3 no marcador, pero os arousáns non baixaron os brazos e dous minutos despois recortaban co 2-3 obra novamente de Camiño. Os últimos minutos foron difíciles para os redondelán, abafados polas chegadas do equipo local, pero os de Jacobo Montes souberon manter a vantaxe. Consolidan a segunda praza e preparan xa o encontro da próxima xornada, cando reciben en Santa Mariña ó líder, o Barbadás.
Primeira Autonómica
Chapela 2-3 Guardés
O Chapela confirmou os peores agoiros, a derrota diante do Guardés leva ó equipo redondelán á Segunda Autonómica xunto co Vilariño, Marín e Arbo. O Guardés pelexaba co Chapela pola salvación, e quedou un punto por riba dos redondeláns, pero podería tamén baixar de categoría por mor dos arrastres.
Segunda Autonómica
Arcade 1-1 Caldas
O empate non serve ó Arcade para saír dos postos de descenso. O domingo xogan no campo do Marín.
Terceira Autonómica
Casablanca 1-3 Choco B
O filial do Choco ascende a Segunda Autonómica logo da vitoria. Acompáñano San Esteban, Lavadores, Coia e Santa Mariña.
Santa Mariña 4-0 Chapela B
Os de Chapela despiden a liga na 12ª praza do grupo.
Atios 1-2 At.Vilar
O Vilar rematou na 10ª posición do grupo esta liga logo de gañar en Porriño.
Vilasobroso 3-3 Nespereira
Os de Pazos quedaron ás portas do ascenso ó non pasar do empate en Vilasobroso, quedaron 6º.
Fútbol Sala-Autonómica Sur
Mobles Andrade 3-5 Redondela
Os de Nolichi despediron a liga cun triunfo no Pavillón Municipal de Xinzo de Limia. O triunfo situounos na metade da táboa, remataron 8º, con 41 puntos.
Remo- Traineiriñas
O C.D. Chapela fíxose coa segunda praza tanto nas dúas categorías masculinas (xuvenil e absoluta) na regata disputada esta pasada fin de semana en Vilaxoán. Na máxima categoría proclamouse vencedor Tirán, e nos xuvenís Amegrove. Foi a última regata antes do Campionato Territorial Sur, que se disputa en Meira, con clasificatorias o día 19 e as finais o 20 de maio. Será a antesala do Campionato Galego, que se celebra o 27 de maio en Tirán.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará