Hoxe é Xoves 18 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O orzamento do 2012 deberá compensar un déficit de 280.000 euros

RR_Noticias

A Concelleira de economía e facenda en Redondela, Ana Mª Alonso aproveitou a sesión plenaria de onte para criticar a xestión económica desenvolvida no concello de Redondela polo goberno anterior a quen acusou de deixar as arcas municipais nunha “situación financeira preocupante”, o que vai obrigar a facer axustes no importantes no orzamento do vindeiro ano. Dende BNG e PSOE instaron ao goberno local a elaborar canto antes os orzamentos e reiteraron que sen ser óptima a situación das arcas municipais “é aceptable” na situación de crise actual.

A edil popular, Ana Mª Alonso analizou onte polo miúdo a situación económica do concello de Redondela que deixa un remanente negativo de tesourería por valor de 280.000 euros, cantidade que deberá ser compensada no orzamento do vindeiro ano. Acusou ao goberno anterior de non atender ás demandas dos técnicos municipais cando advertían da necesidade de procurar un maior equilibrio entre gastos e ingresos e de “deixar no caixón facturas por recoñecer por valor de 336.000 euros” aos que habería que engadir outras facturas que quedaron pendentes de pagar a Aqualia, Fenosa e outros conceptos. Unha situación que ten só unha saída posible e que pasaría por aprobar o orzamento do 2012 cun superávit equivalente ao déficit detectado. A responsable municipal lembrou o informe do interventor no que se advirte da degradación económica do concello e insta aos dirixentes políticos a “procurar un desexado e obrigado equilibrio” adoptando medidas correctoras canto antes posto que “canto máis se tarden de maior calado terán que ser”. Dende o BNG aseguraron que o déficit responde a que se ingresou menos do previsto pero tamén insistiron en que dende o noso concello sempre se paga aos provedores o que demostra que a situación sen ser óptima é aceptable. A nacionalista Cecilia Pérez Orge instou ao PP a xestionar esta situación, xa que responde ao novo goberno elaborar as contas do vindeiro ano. Pola súa banda, o PSOE acusou a edil popular de xerar alarma cando afirma que existen facturas no caixón “xa que de ser así iso sería denunciable”. Luís Orge instaba tamén ao PP a que se poña a traballar para presentar canto antes o próximo orzamento sendo consciente de que son moitas as necesidades e poucos os ingresos polo que será necesario buscar fontes que aporten maiores recursos.  

Ana Mª Alonso PP
O orzamento terá que asumir un déficit de 280.000 euros
Situación financeira preocupante
A edil popular recollía as palabras do interventor
Cecilia Pérez Orge BNG
Solicita ao goberno que se poña a traballar no novo orzamento
Luis Orge PSOE
Acusa aos populares de xerar alarma cando falan de facturas no caixón
Buscar recursos
Compensar a situación deficitaria buscando maiores ingresos

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará