Hoxe é Venres 26 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Choco consegue un empate heroico co Atios

RR_Noticias

Os pupilos de Jacobo Montes conseguiron sumar un punto con nove xogadores, nun encontro moi complicado para os redondeláns logo das expulsións de Aitor Gómez e Saúl. Co empate o Choco mantén o liderado nunha xornada positiva tamén para o Chapela, que gañou por 2-1 ó R. Bahía.

Preferente Autonómica

Atios 1-1 Choco
O Choco mantén o liderado do grupo logo de sumar un empate no campo do Atios. Os de Jacobo Montes dominaron o comezo do partido, aínda que sen chegadas claras a portería. Os problemas chegaron para os redondeláns no minuto 26, ao quedar con dez homes, tras ver Aitor Gómez a vermella directa. Gómez fixo o xesto de meterlle o dedo no ollo a Cuco e foi expulsado. A partir de aí o dominio foi do Atios, que chegou en varios centros desde a banda que chegaban á portaría de Cortegoso, aínda que non había ninguén para o remate. No minuto 62 o encontro poñíase máis costa arriba para o Choco, ao ver Saúl a segunda amarela. E cando semellaba que todo estaba encontra dos redondeláns, chegou a sorpresa. No minuto 65 o Choco púxose por diante no marcador cun gran gol de Molinos. O seu disparo, a unha moi longa distancia, entrou por toda a escuadra. A ledicia duraría pouco porque nove minutos máis tarde o Atios empatou cun tanto de Curiel, a centro de Maroto nunha boa xogada. Os locais non souberon aproveitar o partido con superioridade numérica, mentres o Choco foi quen de sacar un punto nunhas condicións moi difíciles. Un traballo que recoñeceu a afección local, moi enfadada co seu equipo, e que non lle aplaudiu ao final do encontro, pero si aplaudiu ao Choco. A próxima fin de semana xoga en Santa Mariña diante do Verín , un dos equipos da parte baixa da táboa.
Primeira Autonómica
Chapela 2-0 R.Bahía
O Chapela mellora a súa situación na liga logo do triunfo de onte. A próxima xornada xogará no campo do Domaio, da parte baixa da táboa
Segunda Autonómica
Noalla 4-1 Arcade
Tiñan un complicado rival os de Soutomaior, e o marcador reflectiu a superioridade do Noalla, que goleou ó Arcade. O domingo reciben ó S.Martín.
Terceira Autonómica
Moledo 0-1 Chapela B
Encontro de rivalidade entre dous equipos moi igualados na clasificación e que se resolveu a favor dos redondeláns no tempo de desconto. A próxima xornada o filial do Chapela recibe ó pechacancelas, o Nigrán.
Atl.Matamá 2-3 Choco B
O filial do Choco escala ata a 7ª posición da táboa logo da vitoria a domicilio no campo do Matamá. O domingo recibirán en Redondela ó Moledo.
At. Vilar 1-1 Chaín
O Vilar conseguiu sumar un valioso empate diante do líder. O próximo domingo xogarán no campo do Mosende, un dos pechacancelas.
Castelo 0-2 Nespereira
Os de Pazos conseguiron unha vitoria a domicilio no campo do Castelo, deste xeito escalan á metade alta da táboa. A próxima xornada reciben ó líder, o Cañiza.
Caroi 1-1 Cesantes
Os redondeláns mantéñense na metede da táboa logo do empate acadado no campo do Caroi. Na próxima xornada reciben ó actual líder do grupo, o Sampaio.
Pontecaldelas 0-0 Soutomaior
O Soutomaior perdeu o liderado do grupo 16 logo do empate no campo do Pontecaldelas. E na fin de semana non poderán recuperar posicións xa que é xornada de descanso para eles.
Futbol Sala Autonómica Sur
Redondela F.S. 5-2 Mondariz
Os de Manoliño escalan ata a metade da clasificación logo da goleada sobre o Mondariz nun partido con dúas partes ben diferenciadas. O encontro chegou ó descanso con empate 1-1, e foi na segunda parte cando os redondeláns reaccionaron e adiantaron ós visitantes ata o resultado final de 5-2. O próximo sábado xogan co Valadares, un dos colistas, encontro que se disputa no pavillón do Pedregal ás 18.30 horas.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará