Actos relixiosos, musicais e verbenas centran a programación deste ano para unhas festas que se celebran coincidindo co festivo do mércores. Dende a Comisión recoñecen que se trata dun programa modesto pero esperan que os veciños participen animados polo bo tempo.
As celebracións arrancarán o propio 12 cos pasarrúas a cargo da Banda Xuvenil de Chapela. As 12:30 oficiarase a misa solemne á que seguirá a tradicional procesión. A verbena nocturna estará amenizada pola Orquestra Acordes e o Dúo Fantasía a partir das dez da noite. O xoves os pasarrúas correrán a cargo da banda de Música de Coruxo mentres que a cita nocturna contará co Trío Lunas e o Dúa Fantasía, así como unha gran tirada de fogos de artificio que anunciará o final das festas. Dende a comisión lamentan que se trate dun programa “un pouco cativo” e esperan recuperar en vindeiros anos unha programación máis acorde cunha parroquia que congrega o maior núcleo de poboación de todo o concello.