Hoxe é Sábado 7 de Decembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A Festa da Bicicleta agarda reunir 300 participantes nunha edición que pasa polo porto de Cesantes

RR_Noticias

Os amantes do pedaleo teñen unha cita este domingo en Redondela nunha nova edición da Festa da Bicicleta, que este ano cambia o seu percorrido para facela máis accesible a todos os asistentes. Aqueles que queiran participar deberán concentrarse ás 10.30 da mañá no Concello, e o uso de casco é obrigatorio. Non hai escusa para non participar desta festa, xa que desde o Concello poñen a disposición dos cidadáns un total de 50 bicicletas para aqueles que non dispoñan dela.

Un ano máis chega a Festa da Bicicleta a Redondela, será este domingo, día 3 de setembro, nunha edición que chega con dúas importantes novidades. Por unha banda o cambio de percorrido, que este ano será máis accesible para todos, e por outra banda a posibilidade de participar cunha das 50 bicicletas que o Concello de Redondela pon a disposición de todo o público. O concelleiro de Deportes, Jesús Crespo, e a edil de Xuventude e Participación Cidadá, Herminda Quelle, presentaron onte o evento xunto co edil de Cultura, Alberto Pazos. O evento comezará ás 10.30 horas, cunha concentración diante do Concello, onde se reunirán todos os participantes, que recibirán unha serie de normas de participación. A máis salientable é a obrigatoriedade do uso de casco. En canto ó percorrido, nas edicións anteriores a ruta transcorría pola praia de Cesantes. Este ano o traxecto discorrerá polo porto da mesma parroquia e polo paseo da Portela. Un traxecto “máis cómodo”, que evita a costa da praia, para que sexa máis doado para os nenos, segundo explicou Quenlle. Así mesmo, e por primeira vez, o Concello porá a disposición dos cidadáns un total de 50 bicicletas, polo que “non haberá escusa” para os que queiran participar, segundo recalcaba Pazos. En total, o traxecto é de “preto de catro quilómetros”, segundo sinalou Crespo, e na metade da proba haberá unha parada para repoñer forzas. Ademais os participantes recibirán uns boletos para o sorteo de material deportivo que se celebrará despois da proba. Desde a Deputación, entidade colaboradora con esta festa, esperan recibir a uns 300 participantes, unha cifra superior ós 250 do ano pasado. A festa continuará pola tarde, a partir das 17.00 horas, na pista da Xunqueira, coa xornada de formación de BMX, onde os mozos poderán participar en obradoiros de saltos, xiros e subida de ramplas. Así mesmo, tamén aprenderán a montar unha bicicleta desde o principio, xa que se disporá dunha totalmente desmontada. Volta a España en Redondela Ducias de veciños recibiron onte á Volta Ciclista en Redondela. Minutos despois das tres da tarde entraban pola praza de Ribadavia os primeiros corredores do pelotón que onte afrontaba a súa segunda etapa galega con 167 km de percorrido, desde Ponteareas até Pontevedra. Os seguidores e curiosos situáronse nas beirarrúas da Praza da Farola, na rúa Alfonso XII e Xeneral Rubín, onde durante preto de media hora hora puideron ver a volta España. José Luís Roldán Carmona, do Andalucía Caja Granada, Luís Angel Mate Mardones, do equipo Cofidis, o australiano Adam Hansen, do equipo Omega Pharma, e o ucraíno Ruslan Pydgornyy, do Vacansoleil, foron os primeiros en cruzar o casco urbano de Redondela, con case catro minutos de vantaxe sobre o resto dos corredores. Distancia que mantiñan dende o seu paso polo concello do Porriño. Hoxe a volta despedirase de Galicia nunha etapa que comezará en Sarria e rematará en Ponferrada, León.  

Herminda Quelle concelleira de Xuventude
A edil explica o cambio de percorrido para facelo máis accesible para os participantes.
Alberto Pazos concelleiro de Cultura
Pazos anima a todos os veciños a participar desta festa.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará