Hoxe é Sábado 12 de Outubro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Choco consegue salvar un punto diante do Pontellas pese a xogar con dous homes menos

RR_Noticias

Reparto de puntos no partido entre o Choco e o Pontellas disputado en Santa Mariña. Os visitantes adiantáronse no marcador pero os de Julio Álvarez igualaron o resultado ós poucos minutos. Xa na segunda metade os redondeláns conseguiron manter o empate pese a xogar con dous homes menos polas expulsións de Eric e Míchel por dobre amarela.

Preferente Autonómica
Choco 1-1 Pontellas
Os de Julio Álvarez deron a batalla e salvaron un punto pese a rematar o partido con dous homes menos. Choco e Pontellas disputaron un fermoso partido que rematou con reparto de puntos. Comezou o encontro con xogo de ataque por parte dos dous equipos, e logo chegaría o primeiro gol, no minuto 12, que adiantaba ó Pontellas, cun gol de Falque que colleu desprevido a Cortegoso. Pero só tres minutos máis tarde os redondeláns igualaron o partido, un balón que non conseguiu despexar a defensa visitante chegou ós pés de Richi, que facía subir o 1-1 ó marcador. O xogo seguiu a ser moi movido, aínda que sen ocasións de gol por parte de ningún dos equipos ata o minuto 25, cando o Choco perdeu a oportunidade de poñerse por diante no marcador cun disparo de Bruno, que foi detido por Iván. Na segunda metade as cousas complicáronse para os de Julio Álvarez, que ós 10 minutos quedou cun home menos pola expulsión de Eric con dobre amarela. Pero lonxe de baixar os brazos, os redondeláns fóronse arriba dominando o xogo. Pero a situación empeorou no minuto 75 cunha segunda expulsións, a de Míchel, tamén por dobre amarela. Con todo o Choco seguiu tentando adiantarse no marcador, aínda que o resultado xa non variaría. O empate sérvelle de pouco ó Choco, que é 14º na táboa. A próxima xornada xogan no campo do Ourense B, o 7º clasificado.
Primeira Autonómica
Chapela 2-1 San Martín
Os de Luis Ferreira conseguiron recortar distancias cos equipos que loitan pola permanencia. Cunha vitoria sobre o San Martín conseguen manterse na 15º praza, pero deben seguir sumando puntos para evitar o descenso. O próximo partido xógano no campo do Sp. Guardés, un dos equipos da parte alta da táboa (5º)
Arcade 3-5 San Adrián
Moitos goles no encontro de rivalidade directa no derbi comarcal entre o Soutomaior e o San Adrián. A maior parte dos 8 goles presenciados no encontro anotáronse na segunda metade, xa que no descanso o marcador era de empate 1-1. Partido de moita emoción, xa que a falta de 8 minutos para o final era o Arcade o que gañaba por 3-2, pero o San Adrián botouse arriba, e a expulsión dun dos homes de Jacobo Montes, fixo posible que os de Cobres lle desen a volta ó marcador. Agora o Arcade é 16º e sitúase nunha complicada situación para salvar a categoría. Próximo partido xogan no campo do líder, o A. Traviesas.
Terceira Autonómica
Cesantes 1-0 Moaña B
Os de Cesantes mantéñense na 9ª posición da táboa coa vitoria sobre o filial do Moaña . Próximo partido Arcade B-Cesantes.
Sampaio 2-1 Arcade B
O filial do Arcade mantense na 10ª posición da táboa pese á derrota, pero os seus inmediatos seguidores recórtanlle distancias. O próximo domingo reciben ó Cesantes, derbi entre os dous equipos veciños, que ademais están próximos na táboa, aínda que os de Redondela por diante con 4 puntos máis.
Cruceiro B 3-3 Soutomaior
Un total de 6 goles anotaron Cruceiro e Soutomaior nun encontro con reparto de puntos. Os de Soutomaior comezaron adiantándose no marcador pero os locais conseguiron igualar o partido, a pesares de que xogaron con dous homes menos por expulsións na segunda parte, un por dobre amarela e outro con vermella directa. O empate leva ó Soutomaior ata a 7ª praza. Xa o próximo domingo reciben ó Caroi, da parte baixa da táboa.
Casablanca 2-2 Choco
Os de Redondela escalan unha posición, son 6º, grazas ó empate no campo do Casablanca. O próximo domingo reciben en Redondela ó líder, La Guía.
Vilar 1-3 Miño
Os de Redondela continúan na parte baixa da táboa, son 12º despois da derrota co Miño. E na próxima xornada xogan no campo do Guillarei, penúltimo da clasificación (14º).
Nespereira 4-1 Rubios
Os de Pazos golearon ó Rubios, e escalan ata a 10ª posición, a próxima xornada xogan nas Neves, co 2º da táboa.
 
Fútbol sala-Autonómica Sur
Poio 8-2 RedondelaNova derrota dos de Manoliño, que perderon cun avultado marcador en Poio. O resultado déixaos nunha complicada situación na táboa, son 14º, aínda que teñen un partido menos disputado. Próximo partido xogan na pista do San Martiño F.S., o 5º clasificado do grupo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará