Hoxe é Martes 1 de Decembro de 2020

O derbi local chega marcado pola desigualdade entre o Paraxe Chapela e a Peguform Sar

RR_Noticias

Este sábado enfróntanse no pavillón de Chapela o equipo de Fran Teixeira e a Sar, un interesante encontro da Primeira Nacional de balonmán. Nesta ocasión o duelo está marcado pola gran diferenza que existe na táboa entre os dous equipos redondeláns, cos de Chapela en postos de cabeza e a Sar na parte baixa da táboa.

O Paraxe Construcións de Chapela atravesa un doce momento nesta liga, nunha liña ascendente desde que comezou o campionato, están a colleitar cada vez mellores resultados, o que os ten levado á terceira praza do grupo. Os de Fran Teixeira loitan por achegarse ós postos de cabeza despois de incorporar varios cambios nesta temporada. Veñen de gañar en Zamora co Inzamac nun encontro complicado no que tiveron que darlle a volta ó marcador. O técnico asegura que foi un partido “difícil”, pero amósase satisfeito coa resposta do equipo, que “vai a máis”. E nesta positiva situación esta fin de semana disputan o derbi co Peguform Sar. O partido chega marcado pola gran desigualdade que existe actualmente entre os dous equipos, xa que o equipo de Mingos Dacunha está nunha situación radicalmente distinta. A derrota da pasada xornada diante do líder, o Xixón, deixa á Sar na parte baixa da táboa, con tan só dous equipos peor situados. Con todo, en Chapela non se fían do rival, e apuntan que nun derbi destas características sempre hai unha “motivación extra”. O adestrador, Fran Teixeira, está convencido de que a Sar sairá á pista a buscar os puntos que precisa, e que será un partido moi disputado. O técnico amosouse tamén convencido de que a actual situación da Sar é circunstancial, e que comezará a sumar resultados positivos, xa que conta “cun bo equipo e un bo adestrador”. A cita é o sábado ás 18.30 horas no pavillón de Chapela.

Fran Teixeira adestrador
O técnico non se fía do rival que xogará o derbi cun extra de motivación.

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
LinkedIn
Share on pinterest
Pinterest
Share on whatsapp
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *