Hoxe é Venres 8 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Choco imponse nas xogadas de estratexia

RR_Noticias

Foron mellores que o Cambados e recibiron o xusto premio en Burgáns. A vitoria fai que o Choco volva mirar cara arriba na táboa, aínda que segue lonxe dos postos de cabeza. Na Primeira Autonómica o derbi Chapela-Arcade rematou cos redondeláns gañando por goleada, resultado que deixa ós de Soutomaior nunha situación complicada da táboa.

Preferente Autonómica
Cambados 0-Choco 2
Os de Redondela foron os claros vencedores do encontro disputado onte en Burgáns, con dous goles froito de xogadas de estratexia. O Choco demostrou ser mellor equipo que os locais, e souberon aproveitar as súas oportunidades a balón parado para resolver un encontro diante dun Cambados con moi pouca chegada. A primeira parte xogouse no centro do campo, con moi poucas aproximacións as áreas. Ata que chegou o córner a favor do Choco, que rompeu a dinámica do encontro, ao aproveitar Santi Araújo un balón solto na área para bater a Gabi. O gol fixo espertar ós cambadeses, que case non chegaran á área de Cortegoso, e adiantaron as súas liñas, aínda que sen xerar perigo. O segundo tempo foi xa máis dinámico que o primeiro. Os locais saíron con máis intencións, e tiveron varias ocasións claras con Vila e Aarón, pero non foron quen de rematar, mentres os de Julio Álvarez puideron sentenciar á contra cun gran disparo de Michel que se estrelou no pau. E chegou un saque de falta que Calo rematou de xeito impecable á rede. A derrota deixa tocados ós do Salnés, que continúan en descenso, mentres o Choco sobe un posto, ata o 12º. E a próxima xornada terán un difícil partido, reciben en Santa Mariña ó líder, o Barbadás.
Primeira Autonómica
Chapela 5 -Arcade 1
O Chapela goleou ó Arcade no derbi da Primeira Autonómica, e xa no intermedio o marcador reflectía un 2-0 a favor dos de Redondela. Os de Luis Ferreira escalan así algún posto mentres o Arcade segue a asinar un triste balance, con tan só tres vitorias no que vai de campionato.
O Chapela é agora 13º, mentres que o Arcade se sitúa no 16º posto da táboa.
A próxima fin de semana o Chapela xoga no campo do A.Traviesas (5º), mentres que o Arcade recibe ó Marcón (15º)
Terceira Autonómica
Cesantes 3- Bueu 3
Partido con moitos goles e que rematou con empate a tres tantos. O resultado deixa ó Cesantes na 7ª posición da táboa. A próxima xornada xogarán no campo dun dos equipos máis fortes do grupo, o Cruceiro B, segundo clasificado.
Vilar 2-Nigrán 0
Os de Vilar manteñen a posición no12º posto da táboa despois da vitoria diante do Nigrán, bo partido dos redondeláns que se impuxo a un equipo que, ata agora, estaba na parte alta da táboa. Na próxima xornada o Vilar xogará no campo do Pontellas, 3º do grupo.
Moaña B 2-Soutomaior 2
O Soutomaior acadou un importante empate no campo do Moaña, o que lle serve para escalar unha posición na táboa, agora son 8º. O próximo domingo disputan na casa o derbi co filial do Arcade, encontro ó que chegan con mellores números que os seus veciños.
Arcade B 0 -Salcedo 3
O Arcade foi derrotado e por goleada polo Salcedo. Deste xeito caen á penúltima posición da táboa, son 14º. A próxima fin de semana disputarán o derbi no campo do Soutomaior, situado na 8ª posición do grupo.
Nespereira 1-Castelo 0
Vitoria pola mínima para os de Pazos, que se impuxeron ó Castelo, co que avanzan por riba deles na clasificación. Agora o Nespereira é sexto do seu grupo. A próxima fin de semana volven xogar na casa, reciben ó Ponteareas, un posto por riba deles e que suma tres puntos máis nesta liga.
Futbol Sala- Autonómica Sur
Redondela 1- A Quinta Xestión 4
Lamentable actitude do Redondela F.S., que non estivo á altura de outros encontros ,non so a nivel de xogo si non a nivel de imaxe e de actitude, cun único gol diante da Quinta Xestión. A pesares da derrota, e grazas ó resultados negativos dos rivais directos, os de Redondela manteñen o 9º posto da liga. A próxima xornada disputarán un encontro de rivalidade directa na pista do Valadares, equipo que está un posto por riba dos redondeláns, con tres puntos máis. O Valadares vén de facer un excelente partido gañando a domicilio ó Bembrive.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará