Hoxe é Xoves 25 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Choco no pasa dun empate sen goles nun encontro aburrido

RR_Noticias

Santa Mariña acolleu onte un dos peores partidos do Choco desta temporada, con escasas ocasións e moitas faltas, o que quedou reflectido no marcador con ese 0-0 diante do Porriño. No mundo do balonmán foron mellor as cousas para o deporte local con vitorias da SAR Peguform e o Paraxe Construcións de Chapela.
 

Preferente Autonómica
Choco 0- Porriño Industrial 0
O Choco non conseguiu pasar do empate sen goles nun dos peores partidos dos disputados esta temporada en Santa Mariña. O encontro comezou cos de Julio Álvarez querendo facerse donos do partido, pero a medida que ían pasando os minutos o xogo facíase monótono, e os escasos balóns que chegaban a área eran despexes longos das defensas, xa que ningún dos dous equipos quixeron complicarse. Despois do descanso os redondeláns comezaron a segunda metade con algo máis de ritmo. Pero en pouco tempo o xogo volveu á mesma senda que na primeira parte, e con moitas disputas no centro do campo. Os escasos balóns que chegaron ás áreas eran pases longos ou a balón parado, xa que foron moitas as faltas cometidas ó longo do partido para rematar con empate a ceros. Un resultado que semella xusto a xulgar por como transcorreu o encontro.
O empate leva ó Choco a caer un posto, ata a 13ª posición da táboa. O próximo partido xogarano campo do Cambados (18ª)
Primeira Autonómica
San Adrián 3 – Chapela 0
Derrota e por goleada do Chapela no campo do San Adrián, o que deixa ó equipo de Redondela nunha situación complicada na táboa, caen un posto máis, ata o 14º. Na próxima xornada disputarán un interesante derbi co Arcade, cando os de Soutomaior están tamén nunha situación complicada da táboa, dous postos por baixo do Chapela.
Gondomar 0- Arcade 1
Os de Soutomaior gañaron pola mínima, grazas a eses tres puntos escalaron unha posición na táboa, aínda que seguen nunha posición moi complicada. E a próxima fin de semana volven xogar fóra da casa, disputarán o derbi en Chapela.
Terceira Autonómica
Santomé 2- Cesantes 1
Partido igualado entre os dous equipos que se saldou finalmente a favor dos locais. A derrota fai que o Cesantes baixe dous postos na táboa, ata a 7ªposición do grupo. A próxima fin de semana reciben ó Bueu, equipo que suma un punto máis que os de Redondela.
Mosende 0- Vilar 4
Goleada do Vilar, que se impuxo con contundencia no campo do pechacancelas. Son agora 12º, e na próxima fin de semana recibirán no seu campo ó Nigrán, equipo da metade alta da táboa (7º)
Soutomaior 0- Beluso 0
Empate sen goles nun encontro moi igualado. O resultado deixa ó Soutomaior nunha posición máis abaixo do que estaba, agora son 9º. O próximo domingo xogarán no campo do Moaña B.
Arcade B descansa
O Arcade descansou, na próxima fin de semana reciben ó Salcedo, penúltimo clasificado, 14º, un posto por baixo dos de Soutomaior.
Vilasobroso 1 – Nespereira 0
Derrota pola mínima para o Nespereira, o que deixa ós de Pazos un posto máis abaixo que a pasada xornada, agora son 9º. A próxima fin de semana reciben ó Castelo, equipo da metade alta da táboa, son 6º do grupo.
 
Futbol Sala- Autonómica Sur
Erichkrause 4-Redondela 2
O partido disputouse en Redondela ao ter o equipo visitante problemas nas súas instalacións, e a grada do pavillón municipal presentou un bo aspecto . O equipo Erichkrause foi moi superior ó equipo redondelán que grazas a unha tarde espectacular do seu porteiro, Francisco González, non rexistrou un resultado máis avultado. A primeira parte foi un monólogo de continuas chegadas a área local que unha e outra vez desbarataba o porteiro do Redondela. Non seria ata o minuto 17 cando conseguiron adiantarse no marcador por mediación de Óscar Gudín, unha voa xogada de inicio permitiu o equipo local empatar o encontro por medio de Jorge Alonso, e con ese resultado chegarían ó descanso. Na 2ª parte máis do mesmo, chegaba o Erichkrause e o porteiro local desbarataba as múltiples ocasións. Xa no minuto 14 cando o equipo visitante fixo efectivas as chegadas e así por medio de Roberto Sánchez por dúas veces adiantáronse no marcador, e o equipo redondelán xa non puido con eles, aínda que conseguiron ó 2-4 final cun gol de Alexandre Gómez, aínda que non sería suficiente para conseguir a igualada.
O equipo redondelán mellora cada xornada pero non consegue encadear 2 vitorias consecutivas.
E esta derrota fainos baixar un posto na táboa clasificatoria, agora son 9º, a próxima xornada reciben a un rival que atravesa unha difícil situación, o Q. Xestión, penúltimo do grupo.
Balonmán- 1ª Nacional
Peguform SAR 28 -Cisne 22
A SAR conseguiu o obxectivo de sumar unha vitoria diante do Cisne, e fíxoo cunha espectacular remontada, ó anotar un parcial de 10 goles a 3 nos últimos minutos. Os de Mingos suman así dous puntos de ouro que lles permite seguir loitando pola permanencia. A menos de 10 minutos para o final a SAR perdía de dous goles, pero a reacción do equipo fixo posible darlle a volta ó marcador. Cumpriuse así o prognóstico de Mingos Dacunha, que confiaba nun resultado positivo neste encontro. Agora son 12º na táboa, a próxima fin de semana visitan o campo dun duro rival, o Atlético Novás, 4º do grupo.
OAR Coruña 30 -Paraxe C. Chapela 33
Os de Chapela seguen a recortarlle puntos ós equipos de cabeza grazas á vitoria na Coruña. Tiveron que empregarse a fondo os de Fran Teixeira para acadar un resultado positivo na pista do OAR, xa que ata o minuto 45 os empates eran a tónica dominante no marcador. Xa no último cuarto os de Chapela despegáronse do equipo local, cunha renda de tres goles a favor.
O conxunto de Chapela é agora 7º na táboa, a próxima fin de semana reciben a un dos equipos mais fortes desta liga, o Lalín, 2º clasificado.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará