Hoxe é Venres 19 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Arcade, Chapela e Nespereira os únicos equipos locais que suman tres puntos esta xornada

RR_Noticias

O Choco, en Terceira Autonómica, lidera o grupo 19 despois de conseguir un empate contra o Candeán B.

 
Rexional Preferente
Choco-Rápido Bahía (1-3). Aitor Gómez consegue tres tantos para o Choco, que lle gañaba ao Rápido Bahía por 1-3. Malia que o Rápido Bahía foi o protagonista do partido, tanto en posesión de balón como na chegada a portería, o mal acerto dos seus xogadores fixo que o Choco non desaproveitara as poucas oportunidades que tivo. Ata os últimos 20 minutos non se anotaría ningún gol, tería que ser o redondelán Aitor Gómez, quen abrira o marcador dos redondeláns no minuto 70 e de pechalo no 90. O Encargado de anotar o segundo tanto sería Marcos, que consolidaría a vitoria dos locais. Nos minutos de desconto o xogador do Bahía, Miguel, anotaría o único gol do seu equipo. Un resultado que deixa aos locais na primeira metade da táboa, na sétima posición. Esta semana terán que preparar un partido complicado xa que se medirán cun rival directo, o Gran Peña, a tan só un posto por baixo do Choco e cun punto menos.
Primeira Autonómica
Arcade-Gondomar (2-0). Nova vitoria para o Arcade que se impuña ao Gondomar por 2-0. Juanjo e Godoy serían os encargados de darlle a vitoria aos locais que non defraudaron na casa. Entraron con forza no terreo de xogo e con moita seguridade. Un partido que se resolveu na primeira metade do encontro e deixa aos de Arcade entre os seis últimos da categoría, con nove puntos e a próxima xornada non o terá moito máis sinxelo, xa que terá que xogar fora da casa contra o Moaña, sétimo de primeira autonómica e con 4 puntos máis que os locais.
Segunda Autonómica
Chapela-San Miguel (2-0). O Chapela sitúase como terceiro de grupo despois de imporse fronte ao San Miguel. As expectativas cumpríronse e os locais non tiveron dificultades para imporse ao terceiro pola cola. Dous tantos foron os que anotaron os redondeláns que lle serviron para situarse terceiros da táboa, por baixo do Caldelas, segundo, e o Guardés, que lidera a categoría. Os locais poderían gabear unha posición a vindeira xornada e desbancar ao Caldelas se consegue gañarlle ao Xinzo, e a priori, non debería ter moita dificultade, xa que é o décimo segundo do grupo.
Terceira Autonómica
Cesantes-Estación (0-1). O mal estado do terreo de xogo e a expulsión dun dos seus xogadores por dobre amarela impediron que o Cesantes puidera sumar tres puntos este fin de semana fronte ao Atlético Estación. Malia que pelexaron ata o último minuto, os visitantes tiveron máis acerto cos lanzamentos na portería. No minuto trinta , Pajariño sería o encargado de anotar o único gol do partido que lle daba a vitoria ao Bahía. Os de Cesantes tentará subir da quinta posición, na que están situados con quince puntos, a próxima xornada fronte ao Barro, catro postos por baixo que os locais e con dous puntos menos.
Vilaboa-Soutomaior (3-1). O Soutomaior remata coa boa racha das últimas semanas. Despois de gañar aos seus rivais por dez tantos a pasada xornada e a anterior por cinco, os de Soutomaior non puideron continuar o ritmo e esta semana caeron fronte ao Vilaboa por 3-1. Malia que os de Soutomaior foron os encargados de abrir o marcador, non fixeron un bo xogo o que lle permitiu ao Vilaboa remontar sen moita dificultade. A derrota desta semana deixa ao Soutomaior na cuarta posición empatado a puntos co Vilaboa e o Arcade. A próxima semana tentará sumar tres puntos ao súa clasificación fronte ao Sampaio, o sétimo da táboa.
Choco-Candeán B (2-2). O Choco lidera a categoría despois de empatar co Candeán B. Os locais chegaban ao encontro coa confianza de que non terían moitas dificultades, xa que tiñan que enfrontarse aos terceiros pola cola. Pero non o tiveron tan sinxelo e os de Candean impuxeron resistencia ata o último minuto. Dous foron os tantos que anotaron cada un dos equipos. Malia todo os choqueiros seguen liderando o grupo 20 de Terceira Autonómica con 19 puntos e a vindeira semana terán a oportunidade de consolidarse como cabezas de grupo, xa que xogarán contra o oitavo, o Pereiro, que seis puntos menos que os locais.
Arbo B-Nespereira (2-4)O Nespereira continúa afundido no último posto da táboa malia que esta semana fixo un moi bo partido e anotoulle catro tantos a un dos seus rivais directos, ao Arbo B, segundo pola cola. Malia xogar fora da casa e que o Arbo, conseguiu acurtar distancias marcando dous goles, finalmente os de Nespereira conseguirían igualar o marcador e anotar dous novos tantos. 2-4 foi o resultado final do encontro. Pero non se poden confiar, xa que a próxima xornada terán que xogar moi forte se queren imporse ao seu rival, pois terán que medirse ao líder da categoría o Alpinista.
 
 
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará