O pleno municipal apoiou por unanimidade as demandas da veciñanza de Cedeira, que reclama a ADIF unha actuación urxente na ponte recentemente reconstruída, tras quedar reducida a un carril de catro metros que dificulta o paso de dous vehículos e xera situacións de risco, especialmente nun tramo con escasa visibilidade. O debate desenvolveuse baixo a atenta mirada dos afectados que se personaron no Multiúsos con pancartas reivindicativas.
Veciños e veciñas do barrio de Cedeira fixeron oír a súa voz no pleno municipal que se celebraba ás 20:00 horas de hoxe no Mulitúsos da Xunqueira nunha sesión na que se debateu unha moción para reclamar unha solución urxente á situación da ponte construída por ADIF, que cualifican de “aberración urbanística”.
Segundo denuncian, unha infraestrutura que inicialmente ía contar con máis de oito metros de ancho quedou reducida a un único carril duns catro metros tras a instalación de bloques de formigón tipo New Jersey nos laterais. Esta actuación converteu o paso nun “funil” perigoso, situado ademais nunha curva en “S” con escasa visibilidade, obrigando aos vehículos a deter a marcha e ceder o paso. A veciñanza critica tamén a existencia de beirarrúas “absurdas”, que non conectan con ningún punto do trazado, mentres se sacrifica espazo esencial para o tráfico nunha estrada que carece de beirarrúas no resto do percorrido.
Advirten de que a situación non só resulta incómoda, senón tamén perigosa, especialmente en casos de emerxencia, xa que dous vehículos —como unha ambulancia e un camión de bombeiros— non poderían cruzarse. Como solución, propoñen substituír os bloques de formigón por pretís metálicos, o que permitiría gañar preto dun metro de ancho, así como eliminar unha das beirarrúas para facilitar a circulación en dous carrís.
Eduardo Otero era o encargado de ler as demandas veciñas co obxecto de reclamar aos grupos políticos o seu apoio.
Para o BNG a demanda dos veciños é máis que lóxica ante unha obra “que lonxe de mellorar as condicións de mobilidade, xerou un problema que non existía”. O nacionalista Xoán Carlos González subliñaba tamén ao goberno local por non ter feito ningunha proposta a un proxecto que está no Concello dende o ano 2023.
No mesmo sentido se manifestaba o voceiro do PP, Javier Bas quen criticaba que a alcaldesa Digna Rivas falara das bondades do proxecto cando no mesmo xa se establecía que o ancho do carril non ía ser de máis de 4 metros “isto non é so un problema de ADIF, se o Concello tivera revisado a documentación presentada por ADIF no seu día teríase evitado que a ponte se convertera nun funil perigoso, aquí houbo unha xestión neglixente”.
O socialista Antonio Cabaleiro recoñecía a problemática existente e aseguraba que o goberno local está en conversacións continuadas co ente ferroviario. Neste sentido adiantou que “Adif xa ten comprometida unha solución que está en man dos técnicos”.
A moción, como era de esperar, quedou aprobada por unanimidade.










