A Asociación de Empresas de Redondela, en colaboración co IGAPE, organiza este xoves 30 de abril unha xornada centrada na economía azul co obxectivo de reforzar a competitividade do tecido empresarial ligado ao mar na comarca. As persoas interesadas en asistir poden inscribirse previamente a través dun formulario en liña neste enlace ou no chamando ao 986 40 40 12.
O encontro, que terá lugar ás 9:00 horas na sede da asociación, situada na rúa 8 de Marzo de Redondela, está dirixido a empresas e emprendedores interesados en explorar novas oportunidades de negocio dentro da cadea de valor mariña. A iniciativa inclúe unha sesión de networking e a presentación dun programa de obradoiros de transformación dixital adaptados especificamente ás necesidades deste sector.
Julia Alonso, dende o colectivo empresarial, explica que se trata do primeiro proxecto destas características impulsado en Redondela, co que se pretende facilitar ás empresas locais ferramentas para avanzar na súa dixitalización e mellorar a súa capacidade de innovación nun ámbito estratéxico como é a economía azul.
Outro dos obxectivos do encontro, que se prolongarán con talleres que se organizarán en vindeiras semanas, busca acadar proxectos colaborativos entre as empresas centradas na transformación de productos do mar ou de servizos vinculados co territorio.
A xornada deste xoves contará coa participación de expertos e representantes institucionais. Entre eles, Norberto Penedo Rey, do IGAPE, que abordará a visión estratéxica sobre a competitividade e o apoio á empresa galega; Juan Manuel Vieites, presidente da CEG, quen analizará os retos do empresariado galego neste ámbito; e Gerardo Estévez, de Elige Plus, que presentará as claves prácticas dos obradoiros e a súa aplicación directa nas empresas.
A organización destaca que esta iniciativa busca consolidar un ecosistema empresarial máis innovador e preparado para afrontar os desafíos actuais, especialmente nun territorio cunha forte vinculación co mar.









