O Bloque Nacionalista Galego celebra este venres 24 en Chapela un encontro aberto á cidadanía baixo o título “Unha Chapela alternativa” na que se abordará a situación de Arcelor Mittal, nun momento especialmente significativo para o futuro da zona tras a recente orde de paralización da actividade nesa empresa situada na céntrica rúa José Fernández López. No encontro participarán a senadora Carme da Silva e o portavoz municipal Xoán Carlos González, que exporán as liñas principais da proposta e atenderán as intervencións dos asistentes.
O acto, que terá lugar ás 20:00 horas no Multiúsos Piñeiral do Crego, busca abrir un espazo de diálogo coa veciñanza para debater sobre o modelo de desenvolvemento da parroquia e recoller achegas que permitan construír unha alternativa máis sustentable.
Esta convocatoria prodúcese despois de que o Concello de Redondela ordenase a suspensión inmediata da actividade industrial que a empresa viña desenvolvendo en Chapela, ao constatar que carecía da licenza urbanística necesaria. A resolución obriga ao cesamento do almacenamento de bobinas de aceiro e abre un expediente para restablecer a legalidade, coa advertencia de posibles sancións ou mesmo o precinto das instalacións se non se cumpre a orde. Con todo, a empresa xa presentou recurso de reposición contra esta resolución municipal
A orde de peche chegou como resposta a unha reivindicación histórica da veciñanza, que leva anos reclamando a retirada desta actividade da zona. Neste contexto, o encontro impulsado polo BNG pretende canalizar ese malestar e abrir o debate sobre o futuro de Chapela tras a paralización da actividade.










