Hoxe é Mércores 22 de Abril de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Afectados polo caso da axencia de viaxes LOA concéntranse ante o xulgado durante a comparecencia do acusado

afectados

Arredor dunha vintena de persoas afectadas polo peche da axencia de viaxes LOA concentráronse na mañá deste mércores ás portas do xulgado de Redondela, coincidindo coa comparecencia do seu propietario, Luis Otero. A mobilización foi convocada pola Plataforma de Afectados, despois de coñecerse que o empresario estaba citado a declarar por unha presunta débeda que podería superar os 170.000 euros. Segundo explicou a presidenta do colectivo, Begoña Pérez, esa cantidade corresponde aos pagos acreditados por unhas 70 persoas damnificadas.

Os concentrados quixeron facer visible a súa indignación e denunciar publicamente a situación. “Confiamos nesta persoa para organizar as nosas viaxes, entregámoslle cartos para voos, hoteis ou paquetes turísticos e quedamos sen nada: nin viaxe nin diñeiro”, sinalou Gómez.

Nalgúns casos, os clientes que abonaron os servizos con tarxeta bancaria puideron recuperar parte do importe grazas aos seguros asociados, aínda que se trata dunha minoría. A maioría dos afectados continúa á espera dun proceso xudicial que, segundo apuntan, podería alongarse no tempo.

A presidenta da plataforma advertiu ademais de que unha eventual sentenza condenatoria non garante a devolución das cantidades defraudadas.

As cantidades que adebeda a Axencia aos seus clientes varían moito dun caso ao outro, pero algúns veciños documentan pagos por valor de máis de cinco mil euros. Viaxes a Turquia, a Canarias, a Montevideo… Unha das afectadas explicaba a súa situación logo de contratar nesta axencia unha viaxe a Málaga

Os manifestantes esperaron ata as 14:00 horas para coincidir co acusado, que a súa chegada xa estaba no interior do edificio xudicial e que tivo que enfrontarse aos berros de “sinvergüenza” e “estafador” por parte dos concentrados.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará