A Asociación Andaina participou na primeira edición galega de Airea Líderes, un programa pioneiro en España de formación en liderado e defensa de dereitos para persoas con diversidade funcional e as súas familias. Organizado por EVD Galicia co apoio da Xunta de Galicia, o proxecto xuntou durante sete meses e máis de 100 horas a preto de 40 persoas de toda a comunidade. Delas saíron 20 iniciativas concretas, entre elas o Espazo Andaina, o proxecto impulsado polas tres membros da xunta directiva da entidade redondelá —Raquel, Loreto e Lara— que participaron na formación.
Loreto Hervello, da xunta directiva de Andaina, foi unha das tres persoas que viviu a experiencia. Para ela, a formación superou todas as expectativas: “Foi extensa e, sobre todo, puxo o foco no que é importante para que unha persoa con diversidade funcional teña unha boa vida e oportunidades reais”.
O programa, inspirado no modelo internacional Partners in Policymaking, organizouse de forma mensual. Cada sesión abordaba unha temática diferente —educación, vida en comunidade, políticas públicas— e contaba con expertos de España e doutros países. “Cada sesión tiñamos normalmente un experto que nos explicaba outras formas de facer as cousas, unha información moi útil para analizar e mellorar o que temos aquí. Logo tamén faciamos dinámicas e practicabamos en grupo”, detalla.
O pasado sábado 18 de abril, no Multiusos das Pozas de Mos, Andaina presentou oficialmente o seu proxecto “Espazo Andaina” na gala de graduación dos 20 proxectos de Airea Líderes e coa presenza da Concelleira de Servizos Sociais de Redondela Iria Vilaboa, a deputada do PP Sandra Bastos e Xoan Carlos González do Grupo Municipal do BNG . Trátase dun espazo físico aberto á cidadanía en Redondela, pensado para acompañar a persoas con diversidade funcional e ás súas familias na construción da súa propia vida autónoma e en comunidade.
Segundo a proposta de valor do proxecto, Espazo Andaina nace co obxectivo de crear en Redondela “un espazo aberto onde calquera persoa poida estar, participar e construír vida en comunidade, con apoios reais para quen os necesite”. Non é un recurso pechado nin un servizo asistencial tradicional, senón un lugar onde todo o mundo pertence e ninguén se sente excluído. “Un espazo para facer vida en comunidade, non só para recibir atención e coidados”, destacan.
Mestura a dependencia de recursos asistenciais, reduce a dependencia de servizos e activa a comunidade, non só os usuarios. Será un espazo transversal, aberto e vivo, que se vai adaptando ás necesidades reais, inquietudes e intereses de quen se achegue: veciñas e veciños de Redondela, familias, persoas que cren na vida independente, entidades, profesionais e colectivos sociais, e persoas con diversidade funcional.
No Espazo Andaina poderase:
- Participar en actividades de ocio e formación
- Acceder a asesoramento legal, emocional e de vida independente
- Compartir experiencias e construír relacións
Andaina inspirouse no Espazo VIDE de EVD en Porriño, un proxecto similar que coñeceron durante a formación. O cambio de enfoque é claro: pasar dun modelo centrado nos servizos a un modelo centrado nas persoas, onde cada unha poida decidir que apoio necesita. “Agora mesmo a visión está máis centrada nos servizos que damos; queremos pasar desa visión centrada nos servizos a que sexa centrada nas persoas”, explica Loreto Hervello.
Aínda así, a dificultade principal segue sendo atopar un espazo físico accesible e ben comunicado en Redondela. Agora que xa o presentaron, Andaina invita a toda a cidadanía a achegarse e participar.










