A Concellería de Medio Rural confirma que o lume, que obrigou a decretar a situación 2 de alerta pola súa proximidade ao núcleo de vivendas do Galleiro no concello de Pazos, medida que xa foi desactivada, permanece estabilizado dende as 8:00 horas de hoxe. O incendio comezou en Ponteareas e estendeuse rapidamente por Mos e Pazos deixando unha columna de fume que se podía ver dende toda a contorna.
As chuvias das últimas horas favoreceron que se puideran controlar as lapas nun incendio que arrancaba as 14:47 horas de onte a consecuencia dun tractor ardendo na parroquia de Ribadetea en Ponteareas. Con todo, malia que nun principio parecía que podería tratarse dun incendio accidental a Xunta indica que houbo tamén un segundo foco, apuntando polo tanto a unha clara intencionalidade.
As altas temperaturas de onte con termómetros que chegaron a marcar os 30 graos e o vento favoreceron que as lapas se estenderan rapidamente. Segundo as últimas medicións dispoñibles, de carácter provisional, afecta unha superficie de arredor de 600 hectáreas, nos termos municipais de Ponteareas, Pazos de Borbén e Mos. Nel foi preciso decretar a Situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade ao núcleo do Galleiro, no concello de Pazos de Borbén, unha situación que foi xa desactivada. Para a extinción deste lume mobilizáronse, polo de agora, 4 técnicos, 17 axentes, 25 brigadas, 16 motobombas, 2 pas, 1 unidade técnica de apoio, 5 helicópteros e 6 avións.
Entre eses operativos atopábanse voluntarios de protección civil de Vilaboa que traballou nas tarefas de extinción nun lume que segundo explican “declarouse no concello de Ponteareas tras presuntamente incendiarse un tractor por unha avaría, estendeuse con moita virulencia e rapidez debido as condicións meteorolóxicas alcanzando en poucas horas Pazos de Borbén e pondo en risco vivendas, infraestrutura, un picadeiro equino e empresas”. Tras intensas horas de traballo con momentos complicados, a chuvia que chegou na noite foi un gran aliado para vencer a loita dun lume, que insisten “amosouse especialmente virulento para a época do ano na que nos atopamos”.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.









