Rapaza da canteira do Club de Baloncesto de Redondela (CBR) sentáronse diante dos micrófonos para contar como viven o seu deporte favorito. Tomé e Carlos, de 9 anos (categoría Alevín), e Antía, Kira, Manuel e Mario, de 10 e 11 anos (categoría Mini), acompañados polo seu adestrador Javi, mostraron que no pavillón municipal do Mendiño non só se xoga ao baloncesto: constrúese amizade, diversión e apréndese a superar frustracións.
Todos coinciden en que o club de Redondela lles encanta. “Si, moito”, responderon ao unísono. E non é para menos: o CBR conta con trece equipos, desde os máis pequenos ata o sénior masculino e feminino, pasando polo equipo das nais, o chamado 8M. “É moi bonito ver como as familias xogan xuntas e van a torneos”, salientou Javi, que comparte banco con Paula (presidenta do club) e Iván.
O adestrador explicou con orgullo a filosofía do club: “Aquí recibimos a calquera neno ou nena que queira xogar, saiba ou non saiba. Non fai falta ter nivel. O importante é que veña con ganas”. Un exemplo claro son os equipos actuais: os rapaces compiten no grupo 2 da área metropolitana de Vigo, con moitos que comezaron este mesmo ano, e as nenas alevíns están no grupo 1, loitando por ascender á Liga Galega. “Dá gusto velos porque o dan todo”, recoñeceu.
Durante a charla saíron á luz as pequenas anécdotas que fan grande este deporte. Os nenos contaron que adestran tres días á semana (martes, mércores e venres) e que compaxinan os estudos coa práctica sen problema: “Cando tes un exame difícil, despois do adestramento libéraste moito da carga”. Tamén falaron da prohibición de xogar coa pelota no recreo do colexio por medo a romper ventás. “Non é xusto, é un deporte e non ten nada de malo”, opinou un dos nenos. Outro engadiu: “Nas ventás do noso colexio non se chega nin tirando moi alto”.
Un dos momentos máis emotivos foi cando Javi explicou como xestionan as frustracións nos partidos: “O baloncesto é un deporte de cabeza. Hai que estar tranquilos. Igual que nós non metemos todas as canastras, o árbitro, o rival ou os compañeiros tamén se equivocan”. Os rapaces aprenderon a apoiarse: “Cando un compañeiro non acerta, dicímoslle que a próxima entra”.
A entrevista tamén tivo o seu punto lúdico. Preguntados por que superpoder lles gustaría ter para xogar ao baloncesto, as respostas foron de cine: un quere a froita do demo de Luffy (de One Piece) para que ninguén lle roube o balón, outro a teletransportación, outro a superforza e unha nena ser “xigantesca” para chegar á canastra sen problema. O propio Javi, entre risas, confesou o seu desexo de neno: “Que calquera tiro que lanzase entrase”.
O soño compartido? “Chegar á selección española”, dixo un deles con determinación. Con esa ilusión e moitos superpoderes por descubrir, despedíronse prometendo volver.
O Club de Baloncesto de Redondela segue coa campaña de portas abertas. Calquera neno ou nena que queira probar, xogar, coñecer amigos e aprender está convidado. Adestran no pavillón do Instituto Mendiño, ao lado do Centro de Saúde. “As portas están abertas para todos”, recordou Javi.
Antes de pechar, o adestrador agradeceu aos patrocinadores e entidades que fan posible este proxecto e lanzou unha chamada a empresas e asociacións: “Calquera axuda é benvida para seguir facendo crecer un club onde o máis importante é a formación e o compañerismo”.









