Hoxe é Mércores 13 de Maio de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Centro de Saúde de Redondela quedará sen atención pola tarde durante catro meses

concentración1

O Sergas pechará a quenda de tarde entre xuño e setembro por falta de persoal sanitario. A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública denuncia o “desmantelamento” da atención primaria e convoca novas mobilizacións. O martes 9 de xuño celebrarán unha manifestación que partirá ás 20:00 horas dende o Centro de Saúde.

O Centro de Saúde de Redondela quedará sen servizo en horario de tarde durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro. Así o denunciou a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Redondela durante a concentración celebrada onte ás portas do ambulatorio, onde arredor dun cento de persoas protestaron pola situación “límite” que atravesa a atención primaria no municipio. Fon Conde era o encargado de ler o pregón no que se puxo de manifesto “os datos demoledores do centro de saúde”.

A decisión do Sergas implicará que tanto médicos como persoal de enfermaría pasarán a atender exclusivamente en horario de mañá, obrigando aos pacientes que teñen asignada a súa asistencia na quenda vespertina a solicitar cita unicamente durante a mañá.

Segundo explicou a plataforma, o peche da atención pola tarde responde á falta de profesionais sanitarios e á ausencia de cobertura das baixas e das vacacións do persoal. Denuncian que actualmente hai numerosas prazas sen cubrir, unha situación que consideran insostible e que se agravará coa chegada do verán.

Os representantes do colectivo advertiron de que esta medida supón “un novo ataque á sanidade pública” e acusan á Xunta de continuar cun proceso de “desmantelamento da atención primaria”.

Durante a protesta, os asistentes reclamaron que o centro de saúde funcione “ao 100 %” e esixiron a cobertura inmediata de todas as prazas vacantes para garantir unha atención sanitaria digna á veciñanza.

A plataforma anunciou ademais novas mobilizacións. A próxima protesta será unha manifestación convocada para o día 9 ás 20.00 horas, que partirá desde o centro de saúde e percorrerá as rúas de Redondela ata chegar á Casa do Concello.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará