Representantes da Xunta e dos gobernos locais de Soutomaior e Pontevedra asistiron este mércores á inauguración da obras de renovación e posta en valor da Ponte Medieval que une ambos municipios. As obras, cun investimento de preto de 500.000 euros, incluíron labores de limpeza, reparación do pavimento e instalación de luminarias led e 36 proxectores. Unha actuación que busca garantir a conservación desta ponte ao tempo que realza a súa estética, mellora a seguridade viaria, e contribúe a reforzar o atractivo da contorna coincidente coa traza do Camiño Portugués.
Os traballos executados incluíron labores de limpeza dos paramentos, e a reparación do pavimento, coa reposición das pezas de lastra nas zonas onde era necesario.
No marco desta actuación, destaca tamén o citado reforzo da iluminación da ponte, que se estende polo peitoril e o exterior da ponte e contribúe a renovar o aspecto desta infraestrutura e a mellorar a seguridade de peóns e condutores. En concreto, dispúxose iluminación na calzada para o tráfico rodado e peonil mediante e incorporouse iluminación ornamental con 36 proxectores LED para acentuar o valor estético da infraestrutura.
De xeito complementario, acometeuse a renovación do pavimento nos treitos da PO-264 contiguos á ponte, substituíndo o firme asfáltico existente por un novo lousado granítico, co fin de mellorar a integración estética da contorna.
Finalmente, realizáronse actuacións de axardinamento coa plantación de céspede no triángulo delimitado polo bordo do río e acondicionáronse os espazos anexos á ponte, tanto na entrada como na saída, completando así a posta en valor deste ámbito.
En conxunto, o resultado final desta actuación, segundo destacou a conselleira de Vivenda e Planificación de infraestruturas María Martínez Allegue, permite falar dunha ponte recuperada na súa imaxe pública, con melloras visibles tanto de día como de noite. A ponte presenta así, unha percepción máis coidada grazas á limpeza exterior, á renovación do pavimento e á nova iluminación, mentres os accesos gañan en coherencia e continuidade visual.
No acto inaugural estiveron presentes tamén o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, a directora da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), María Deza, e os alcaldes de Pontevedra Miguel Fernández Lores e o de Soutomaior, Manu Lourenzo.









