O Multiúsos da Xunqueira acolle este sábado ás 18:30 horas a proxección do documental “Lola” unha obra que recupera a memoria da Guerra Civil a través da testemuña de Dolores Blanco Rodal. O acto, organizado polo Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy contará cun coloquio posterior co director do documental, Antón Caeiro.
“Lola” narra a vida de Dolores Blanco Rodal, veciña de Cangas do Morrazo, cuxa historia quedou marcada pola represión franquista cando apenas tiña 15 anos. Filla dun patrón de barco e dunha redeira, ambos os vinculados á CNT, sufriu a detención do seu pai aos poucos días do inicio da Guerra Civil e o violento arresto da súa nai, que foi sacada da súa casa en plena noite.
Un dos episodios máis sobrecolledores do documental relata o intento de asasinato da súa nai, abandonada malferida tras recibir un disparo nunha cuneta próxima á praia de Aguete. Ambos os proxenitores serían posteriormente encarcerados, prolongando o sufrimento da familia durante anos.
O documental é froito do traballo de investigación e recuperación da memoria levado a cabo por Antonio Caeiro e Margarita Teijeiro, fundadores do colectivo O Faiado da Memoria, quen coñeceron a Dolores a mediados dos anos 2000 e decidiron rexistrar o seu testemuño antes de que se perdese.
Cunha duración de 90 minutos, “Lola” consolidouse como unha peza fundamental dentro do audiovisual galego centrado na memoria histórica, e a súa proxección en Redondela supón unha nova oportunidade para achegar ao público unha historia real de violencia, supervivencia e dignidade.
A cita, aberta ao público, busca non só difundir o documental, senón tamén xerar un espazo de reflexión colectiva sobre un dos períodos máis duros da historia recente.










