Hoxe é Martes 24 de Marzo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Carballo das cen pólas “revive” como símbolo de Reboreda

carballo

A parroquia de Redondela celebrou esta fin de semana a plantación dun novo exemplar que manterá vivo o legado histórico e cultural deste espazo senlleiro. O prado do carballo acolleu este emotivo acto que contou con presenza veciñal e representantes institucionais convidados pola Asociación Amigos do Carballo, colectivo que se marcara como un dos seus obxectivos plantar un novo exemplar tras o esmorecemento da árbore orixinal, cuxo tronco seco permanece como testemuña física do pasado.

A xornada comezou ás 11:30 horas no torreiro de Reboreda. A veciñanza desprazouse dende alí ata o prado do carballo acompañados polos sons da música tradicional, creando un ambiente de romaría que evocaba as históricas xuntanzas do 15 de agosto neste mesmo lugar.

A apertura oficial do acto correu a cargo da asociación folclórica “O Carballo das Cen Pólas”, cuxa actuación serviu de preámbulo ás intervencións. O presidente da Asociación de Amigos do Carballo das Cen Pólas, Carlos Rodríguez “Saja” destacou o poder simbólico deste carballo “un fogar ao aire libre que hoxe decide renovarse nun recinto que é memoria viva das nosas festas e dos nosos encontros”.

 Na súa exposición salientou o “esforzo veciñal por recuperar este espazo para o uso público” e amosou o seu desexo porque este carballo sexa un referente para o futuro “ e as súas futuras pólas sexan o teito para todos os encontros que aínda están pro vir”.

A parte máis académica estivo protagonizada por Xosé Couñago, licenciado en filoloxía, quen debullou a perspectiva histórica e antropolóxica da árbore, recordando a súa presenza na literatura de Otero Pedrayo, lembrando aquel capítulo no que o carballo acubillou o xantar de Xoán Manuel Pereira e o presidente da Primeira República, Emilio Castelar.

Pola súa banda, o enxeñeiro Alberto López Amoedo, responsable do proxecto de recuperación do Prado do Carballo, explicou os detalles técnicos do acondicionamento da parcela como auditorio natural.

Finalmente, Francisco Singul Lorenzo, responsable da Área de Cultura Xacobea da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e membro do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago salientou o valor estratéxico deste enclave dentro das rutas xacobeas e do carballo como árbore identitaria galega.

O punto culminante foi o acto simbólico de plantación. Autoridades autonómicas e locais, xunto a representantes das entidades de Reboreda, participaron no aterramento do novo exemplar. “Este xesto non só supón a reposición dun elemento natural, senón o mantemento dun fito que define a identidade da parroquia” destacaron os organizadores do evento.

O acto finalizou coas intervencións institucionais da representante da alcaldía de Redondela, Digna Rivas, quen coincidiu en sinalar a importancia de protexer o patrimonio natural como base da nosa cultura.

A música da asociación folclórica O Carballo das Cen Pólas puxo o broche de ouro a unha mañá onde Reboreda, unha vez máis, volveu medrar arredor da súa árbore máis querida.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará