O concelleiro Diego Moreira presentou a súa dimisión no Concello de Soutomaior para incorporarse nas vindeiras semanas como secretario municipal, tras anos de preparación para ese posto. Durante o seu tempo no goberno local, Moreira de 30 anos encargouse de áreas clave como Facenda, Persoal, TIC ou Policía Local. A súa renuncia propicia a chegada ao goberno de Gonzalo Outeiro.
O nomeamento como interino de Diego Moreira farase efectivo nos vindeiros días, polo que se viu obrigado a dar o paso de renunciar o seu posto como concelleiro co obxecto de poder desenvolver a súa actividade profesional.
Na súa despedida destacou que foi unha etapa importante da súa vida e agradeceu o apoio da veciñanza e dos seus compañeiros “a vida son etapas, e a min tócame poñerlle punto e final a esta como concelleiro e membro do goberno, un paso difícil pero seguro de que é o correcto, foron 3 anos no que tiven o privilexio de poder representar e traballar pola veciñanza, a que lle agradezo enormemente ter confiado en min e as mostras de cariño recibidas estes días, agradecer tamén o apoio e traballo do funcionariado e do resto dos compañeiros de goberno estes anos”.
O alcalde, Manu Lourenzo, puxo en valor tanto o seu traballo institucional como o seu compromiso co BNG, subliñando que seguirá ligado ao proxecto político.
A súa substitución no goberno será Gonzalo Outeiro, que asumirá o cargo co obxectivo de manter o nivel de traballo e compromiso.
Este cambio forma parte dun axuste do goberno local para afrontar o último tramo do mandato, nun momento que consideran especialmente positivo para o municipio a nivel económico e de actividade.









