Hoxe é Xoves 19 de Marzo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Diego Míguez : “Sempre que me preguntan se estou tolo por facer este deporte, respondo que estaría tolo se non o fixera”

654012696_18020844245810669_6588658459379737886_n
Entrevista completa con Diego Míguez.

O atleta local Diego Míguez Álvarez proclamouse subcampión de España na categoría Máster 35 no Campionato Absoluto-Sub23-Máster de Trail Running, despois dunha carreira dura de 43 quilómetros con uns 2.300 metros de desnivel positivo. Rematou cun tempo de 4 horas e 7 minutos na modalidade classic ou long trail, e agora prepárase para un calendario intenso de probas esta tempada nas que destaca o Campionato Galego de Maratón de Montaña en Lousame (42 km con 2200 m de desnivel positivo).

Diego, que corre coa camiseta do CAR de Redondela, non ocultaba a satisfacción: “A verdade é que saíu ben, segundo posto. Ao ser un campionato aquí en Galicia, tivemos oportunidade de coñecer o percorrido, de ir probalo e de mirar os inscritos. Sabía que tiña posibilidades de facelo ben”.

A proba foi de todo menos doada. Zonas de descenso con corda, subidas por cortafogos, pasos de río con auga pola cintura, pistas forestais, algún treito curto de asfalto e, sobre todo, moita montaña e sendeiros. “Tivemos bastantes zonas complicadas», contou Diego. “Pero iso é o que ten o trail: sales ao aire libre, superas compañeiros e, sobre todo, supéraste a ti mesmo. Eu sempre que me preguntan se estou tolo por facer isto, respondo que estaría tolo se non o fixera, porque a natureza, a saída á montaña, é un medicamento natural ao alcance de todos. Recoméndollo a todo o mundo”.

Un campionato de España implica concentración e destreza tanto psicolóxica como física: “Tes momentos malos, momentos en que a cabeza quere dar para atrás e dicir xa está, pero  moitos outros en que te notas ben. Tes que mirar cara adiante, porque detrás levas o adestramento e a confianza de que o traballo está feito”.

 E síntese orgulloso de loitar cos grandes como “Diego Arroyo e o o compañeiro Alessandro Otero que están a outro nivel. Están dedicando as 24 horas ao día a adestrar”. Diego Arroyo (de Cataluña) foi o gañador da categoría Máster 35 no Campionato de España de Trail Running (Caldas de Reis, 15 de marzo de 2026), onde Diego Míguez Álvarez quedou segundo con 4h07.

De cara a 2026, o seu obxectivo principal é “disfrutar e seguir mellorando”, pero xa ten un calendario intenso con varias carreiras marcadas nesta tempada. O 29 de marzo participará no Trail Cova da Bruxa, na Coruña, unha proba de 24 km con 1.400 metros de desnivel positivo puntuable para o galego de Trail. A continuación, afrontará o Trail Picu Llosorio (33 km e 2.300 metros de desnivel positivo) e o Campionato de Asturias de Trail, que se disputará en Mieres. Tamén ten na axenda a Traveserina, unha das carreiras máis duras de Asturias nos Picos de Europa, con 47 km e 3.200 metros de desnivel positivo. Outro gran reto será o Trail Ribeira Sacra, un dos mellores trails de Galicia con alto nivel nacional, de 47 km e 3.450 metros de desnivel. Pechará o ano co Campionato Galego de Maratón de Montaña en Lousame (A Coruña), de 42 km e 2.200 metros de desnivel positivo.

Antes de rematar, quixo agradecer a varias persoas: “Quero darlle as grazas a Ana Romasanta por todo o que está facendo como Presidenta do club e a Iván San Martín, Presidente da Federación e responsable técnico do trail na asociación de atletismo, porque sen dúbida o trail está crecendo unha barbaridade. Quero felicitar tamén ao compañeiro Darío Arias Costas que quedou campión de España Máster 45, ben merecido o ten”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará