Os populares, que apoiaron no pleno a proposta do goberno local para reformar o campo de fútbol da Gándara cun investimento de 469.000 euros, consideran que a actuación prevista é “necesaria pero insuficiente” por entender que deixa sen resolver cuestións importantes a nivel técnico e de uso da instalación. Entre elas subliñan a falta dunha solución definitiva aos problemas de abastecemento de auga e que non se incorpore ao proxecto a construción dun vestiario específico para equipos femininos.
A concelleira Vanesa González entende que este novo investimento para a reforma integral do Campo da Gándara “é unha absoluta necesidade” e acusa ao goberno de Rivas de “falta de supervisión, control e dilixencia na execución das obras realizadas hai menos de cinco anos nese mesmo campo e que ascenderon a medio millón de euros”.
Asegura que o seu grupo votou a favor deste novo investimento “por responsabilidade” e reclama melloras no proxecto actual “non é de recibo que se vaian investir outros 469.000 euros e que o proxecto non contemple decantacións e outras solucións técnicas para o abastecemento de auga evitando a entrada de area e os problemas no rego, e tampouco se prevea a construción doutro vestiario para permitir que se muden rapidamente os xogadores dos equipos de distinto xénero cando hai partidos consecutivos, que é algo que se produce practicamente cada fin de semana”. Paralelamente, tamén indicou que sería preciso unha remodelación e mellora dos vestiarios existentes ante o seu deterioro evidente. Por iso, Vanesa González criticou que a alcaldesa, malia declararse feminista, non contemplase neste proxecto a perspectiva de xénero e non incluíse no mesmo a construción doutro vestiario. En todo caso, cre que aínda está a tempo cunha pequena modificación do proxecto: “Ten unha gran oportunidade para demostrar que o seu discurso non está baleiro e para dar cumprimento á demanda do equipo feminino do Cesantes”, concluíu a concelleira do Viso









