O mal estado no que se atopa o paseo que comunica o centro da vila co barrio da Portela, levou ao concello a pechar varios tramos desta pasarela o pasado mes de xaneiro. O Concello adxudica agora, logo da valoración técnica, a rehabilitación integral de catro zonas críticas que presentan deterioración estrutural e que poñen en risco a seguridade dos peóns. Os traballos inclúen a substitución de taboleiros, o reforzo de pilotes e a limpeza a presión para evitar esvaróns na senda de madeira.
O Concello de Redondela adxudicou as obras de mantemento correctivo e reparación do Paseo da Portela, unha infraestrutura clave que conecta o centro urbano co barrio da Portela a través dun carreiro peonil de 1,5 quilómetros que discorre pola desembocadura do río Alvedosa. A intervención, que conta cun investimento de 47.843,4 euros, realízase tras unha exhaustiva inspección técnica na que se revisou todo o paseo. A estrutura presenta desgaste de diversos elementos de madeira debido á exposición constante á humidade e ao paso do tempo. O obxectivo prioritario é eliminar os riscos de seguridade e devolverlle á pasarela a súa plena funcionalidade. A alcaldesa, Digna Rivas, explica que os informes técnicos identificaron catro tramos “onde a estrutura se viu comprometida pola degradación de pilotes e deformacións nos taboleiros”. De non corrixirse estes problemas “ poderían afectar á estabilidade da pasarela”.
Para solucionalo, o proxecto contempla traballos de reforzo estrutural, coa reparación de pilotes e zapatas para asegurar a base do paseo. Reporanse os elementos danados, coa substitución de taboleiros, puntóns e varandas respectando o deseño orixinal. Unha das fases fundamentais será o lavado a presión tanto dos tramos novos como dos reutilizados para eliminar o barro e a materia orgánica acumulada, “evitando así que a superficie se volva esvaradía”.
O Paseo da Portela é un dos camiños máis transitados de Redondela e con este investimento búscase asegurar a súa estabilidade estrutural. As obras executaranse seguindo unha orde lóxica de intervención para minimizar as molestias aos usuarios e usuarias, garantindo o cumprimento da normativa de accesibilidade e seguridade peonil.













