Hoxe é Xoves 12 de Marzo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Seijas, Giráldez e Gesteira celebran 60 anos de arte e amizade cun chamamento: “Máis cultura e menos guerra”

WhatsApp Image 2026-03-12 at 13.01.06 (2)

Non é moi común que tres amigos se xunten para expoñer xuntos despois de tanto tempo. Pero Manuel Seijas, Olimpio Giráldez e José Ángel Gesteira fixérono. E non unha, senón tres veces. A última foi onte mércores 11 de marzo no Multiusos da Xunqueira, exactamente sesenta anos despois da súa primeira aventura artística nos soportais do Concello.

A exposición, que se pode ver ata o 26 de marzo, xunta obras moi diferentes que os tres foron creando ao longo das décadas: cadros óleos, fotografías, pequenas instalacións e ata unha casa de bonecas. Todo un repaso á súa traxectoria, cheo de nostalxia pero tamén de humor e ganas de seguir.

No acto de inauguración, os tres falaron con agarimo e un chisco de crítica. A frase que máis se repetiu foi que “o único que nos queda é un pouco de cultura e uns cantos amigos”. Nun mundo convulso, pediron con claridade “máis cultura e menos guerra”. Gesteira foi claro na súa opinión: “vivimos tempos moi jodidos para a cultura, que non vende a curto prazo dentro do capitalismo”. Citaron a John Lennon e a Georges Brassens  para rematar: “Primeiro os amigos, logo o resto”.

Sesenta anos despois, aqueles tres mozos seguen aí, pintando, creando e sobre todo mantendo viva a amizade. No final da intervención, deixaron caer cun sorriso: “Quen sabe, igual nos vemos no 2036 con outra exposición”.

Pequena historia dos paneis informativos

A historia comezou en 1966. Eran uns rapaces cheos de ganas cando decidiron montar a primeira mostra nos soportais do antigo Ayuntamiento. O alcalde de daquela, Pedro Otero Rey, dixo que si sen pensalo moito. O problema era que o espazo estaba aberto á rúa, así que cada mañá colgaban os cadros e pola noite tiñan que recollelos para que non lles desaparecesen. Un mozo chamado Gelito (hoxe o doutor Ángel Otero Ventín) facía de vixía. Daquela xa tiñan o seu Arte Club na rúa do Medio, onde non só pintaban. Organizaban exposicións pequenas, charlas, concursos de poesía e ata as primeiras cabalgatas de Reis. “Eran outros tempos”, di Seijas, “pero en Redondela sempre houbo moita colaboración. Coñecíamonos todos”.

Trinta anos despois, en 1996, repetiron a experiencia na Casa da Cultura. E agora, en 2026, volven xuntarse. Instalaron tamén varios paneis informativos no paseo da Xunqueira que contan toda esta historia con fotos antigas, recortes de prensa dos anos 60 e 90 e textos que explican como aquelas primeiras mostras marcaron o camiño.

Seijas, Gesteira e Olimpio Giraldez.
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará