Trátase dun exemplar de gaivota patiamarela atopada no concello de Redondela e que foi trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Cerdedo-Cotobade. En Galicia non hai ningún caso en aves de curral e seguen en vigor, ao igual que en toda España, as medidas preventivas adoptadas polo Ministerio de Agricultura, entre as que se atopa a obrigatoriedade de manter as aves de curral en espazos cubertos.
A Consellería do Medio Rural confirma a detección dun exemplar de ave silvestre afectado por influenza aviaria de alta patoxenicidade en Redondela. Trátase dunha gaivota patiamarela (Larus michahellis) que foi trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Cerdedo-Cotobade, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Con este novo foco, son seis os confirmados en aves silvestres na nosa comunidade no ano 2026. Cómpre lembrar que, polo de agora, non se rexistrou ningún caso en aves de curral en Galicia.
Con respecto á situación en España, no actual período de vixilancia anual (desde o primeiro de xullo de cada ano), o número de focos en aves silvestres notificados por España ascende a 165 (13 deles corresponden a aves detectadas desde o 1 de xaneiro de 2026), un número inusualmente elevado comparado cos datos de anos anteriores. A situación en Europa tamén reflicte o mantemento dun número considerable de focos, tendencia que se mantén nos últimos meses.
Medidas preventivas en toda España
Esta situación epidemiolóxica é a principal razón, xunto coa migración estacional das aves silvestres e o descenso das temperaturas nesta época do ano, que motivou a adopción das medidas preventivas por parte do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación aplicables en todo o territorio español desde o pasado 13 de novembro, co obxectivo de evitar o contacto directo ou indirecto das aves domésticas coas aves silvestres de calquera especie. Estas medidas permanecen actualmente vixentes.
Dada a relevancia do sector avícola en Galicia, e tendo en conta as actuais circunstancias, desde a Consellería do Medio Rural vólvese insistir na necesidade de extremar as medidas de bioseguridade das explotacións avícolas, tanto das industriais como das familiares, especialmente as destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como intensificar a vixilancia das aves domésticas e silvestres, comunicando de inmediato aos Servizos Veterinarios Oficiais calquera sospeita da enfermidade. No caso das aves silvestres esta comunicación pódese realizar a través do teléfono de atención á cidadanía 012.
Cómpre lembrar que o serotipo vírico detectado (H5N1) ten demostrado un limitado carácter zoonótico (contaxio a humanos), aínda que por un principio básico de bioseguridade, recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e comunicar o feito aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.









