O Balonmán Chapela logrou unha importante vitoria na casa fronte ao O Grove Paraíso Rasoeiro BM por 36-30 e a próxima xornada visitan o Noroplaza Atlantico. Foi un encontro no que dominaron dende o comezo cunha vantaxe ampla de 5 goles que se ampliou a 7 de cara ao descanso (19-12). Os rivais visitantes tentaron reaccionar pero a defensa e a portería do Chapela non permitiu cambiar moito o resultado no marcador ata chegar a ese 36-30 final.
A SAR OPmobility caeu na pista do líder da Primeira Autonómica masculina, o Poio Artai, nun partido moi disputado que rematou 29-23 para os locais. O equipo visitou unha das pistas máis complicadas da categoría, a do Poio Artai, nun encontro que se prevía esixente desde o inicio. O partido comezou con gran intensidade e igualdade por parte de ambos os equipos, con constantes intercambios de goles (6-6, minuto 13). Os locais tentaron abrir brecha (10-7), pero a SAR OPmobility reaccionou con bo xogo colectivo para chegar ao descanso con empate (12-12). Na segunda metade a igualdade mantívose durante varios minutos (16-15, minuto 37), aínda que finalmente o Poio Artai aproveitou a súa calidade e profundidade de banco para impoñerse por 29-23, un resultado algo máis amplo do que se viu sobre a pista. A próxima semana, a SAR OPmobility regresará á Bomboneira, onde recibirá ao Calvo Xiria.

En Segunda Autonómica masculina, os xogadores da SAR Globalmar sumaron un valioso punto ao empatar a 31-31 no campo do Balonmán Sanxenxo e xa se preparan para recibir ao líder da competición, o Balonmán Arteixo.









