A primeira mariñeira a flote da Confraría de Arcade recibía o galardón nun acto celebrado no Multiúsos de Arcade. Un evento enmarcado dentro da programación do 8M que este ano, baixo o lema Herdeiras do Sal, centra o seu foco na visibilización e recoñecemento da figura da muller no mar. Hoxe continúa cun obradoiro, de balde, de Artesanía con redes de mar que se realizará en horario de 16:30 a 20:30h. Unha cita impartida por Redeiras Artesás.
O Multiusos de Arcade foi o espazo no que se celebrou a actividade principal do 8M de Soutomaior, a entrega do premio María a das mil flores. O evento comezou coa proxección dun documental feito polo veciño de Soutomaior, Breikus, que permitiu aos asistentes coñecer máis sobre a relación do mar con Estrella, os seus comezos no barco e máis dunha anécdota ao longo de todos os anos de intenso e duro traballo.
Trala proxección do documental chegou o momento máis emotivo onde Manu Lourenzo e Rosana Martínez Boullosa fixeron entrega do recoñecemento a Estrella Cortegoso. Un recoñecemento que foi aprobado por maioría no Consello Municipal Feminista de Soutomaior conformado polas asociacións con mulleres do concello e polos tres partidos políticos con representación na corporación.
Trala entrega do premio e tralos agradecementos por parte de Estrella tivo lugar a actuación do Orfeón do Berbés que foi quen de poñer a canta e, incluso a bailar, a un ateigado Multiúsos de Arcade.











