Hoxe é Luns 9 de Marzo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela reivindica a “Palabra de Muller” no acto institucional do 8M e lembrando a voz de Rosalía de Castro

WhatsApp Image 2026-03-09 at 12.48.07

Un día despois da conmemoración do Día da Muller, o auditorio da Xunqueira acolleu a lectura da Declaración Institucional do Concello co gallo do 8M. A actriz e contacontos redondelá Olga Cuervo foi a encargada de dar voz a un texto que, baixo o lema “Palabra de Muller”, puxo no centro o que durante séculos estivo silenciado: a voz das mulleres como ferramenta de identidade, denuncia e transformación social.

O acto contou coa presenza da alcaldesa, Digna Rivas, da concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, e outros representantes municipais. Non faltaron as asociacións e centros educativos do municipio, que sumaron as súas propias lecturas para lanzar unha mensaxe colectiva de unidade: o Centro de Día Os Cortizos, a Asociación Andaina, o IES Mendiño, o IES Chapela e o CEIP Santa Mariña. Todos eles participaron activamente e con compromiso.

Iria Vilaboa (Concelleira de Igualdade) abriu o acto lembrando a Rosalía de Castro, “unha muller que no século XIX se atreveu a ofrecer as voltas do revolucionario ao falar con voz propia”. Despois deu paso a Olga Cuervo que  leu o prólogo de La hija del mar, onde a propia Rosalía se desculpa ironicamente por escribir sendo muller. Un texto que, máis de 150 anos despois, segue interpelando directamente á sociedade actual.

A continuación, chegou a Declaración Institucional. Nela, o Concello de Redondela reafirma o seu “compromiso firme e inequívoco coa igualdade real e efectiva entre mulleres e homes”. O texto lembra que “cada dereito conquistado naceu dunha palabra pronunciada con valentía” e denuncia as desigualdades que persisten: fendas salariais, teitos de cristal, precariedade laboral, feminización dos coidados e as violencias machistas “que seguen a truncar vidas e proxectos”.

A alcaldesa Digna Rivas agradeceu especialmente o esforzo de todos os colectivos presentes e reivindicou que o 8M non é só un día, senón “todos os días do ano, porque somos a metade da poboación do mundo e a nosa palabra ten que escoitarse”. Rivas estendeu a mirada máis alá de Redondela: “A nosa palabra de muller aquí é tamén unha palabra de solidariedade con todas as mulleres que están a ser silenciadas por decreto pola violencia, a precariedade ou a guerra”. E pechou coa forza de Rosalía: “Eu son libre, nada pode conter a marcha dos meus pensamentos. E eles son a lei que rexe o meu destino”.

O acto rematou coa lectura dos acordos concretos do Concello: incorporar a perspectiva de xénero de forma transversal en todas as políticas municipais, impulsar accións de prevención da violencia machista, promover a corresponsabilidade nos coidados, desenvolver programas educativos desde idades temperás, visibilizar o labor das mulleres de Redondela e instar ao resto de administracións a reforzar os recursos contra a desigualdade.

Un recordatorio en Redondela de que a igualdade non é un obxectivo secundario, senón a condición necesaria para unha sociedade xusta, libre e democrática.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará