Vigo foi o escenario este fin de semana do Campionato Galego de Grupos Show e Cuartetos de nivel nacional, celebrado no Pavillón das Travesas. Dous clubs de Redondela, o CPA Arealonga de Chapela e o CPA Bolboreta, deixaron moi boa impresión e conseguiron praza para o Campionato de España que se disputará en Alcoy os días 17 e 18 de abril.
O CPA Arealonga presentou dous equipos na categoría junior que chamaron a atención pola súa frescura e pola renovación case total das súas filas. O grupo junior, formado por 16 patinadoras de entre 12 e 16 anos, competiu co show Mercaderes de Vidas. A pesar de que 11 das 16 rapazas eran novas no equipo e que levaban xuntas apenas uns meses de adestramento, conseguiron a medalla de bronce.
O mesmo club levou tamén un cuarteto junior, Take the Stage, integrado por catro mozas de 13 e 15 anos. Con medio equipo renovado, as rapazas proclamáronse subcampioas galegas e tamén selaron o billete para Alcoy. “Era un obxectivo moi ilusionante e conseguiron superalo con nota”, sinalan desde o club.
Pola súa banda, o CPA Bolboreta regresou á categoría nacional de grupos pequenos despois de moitos anos sen competir neste nivel. Fíxoo coa coreografía Reina Blanca, a mesma que xa lles deu o segundo posto no Campionato Galego de 2ª Categoría da Xunta en maio de 2025. Nesta ocasión, entre 13 grupos participantes, acadaron un excelente quinto posto.
Desde a directiva do club expresan a súa satisfacción: “Estamos moi contentas cos resultados e co traballo dos e das deportistas. Este campionato supón a volta á competición na categoría nacional, na modalidade de grupos, despois de moitos anos. E agradecemos o gran traballo tamén da profesora Anuski, que deu o mellor dela desde a súa unión ao club. A idea do baile, a coreografía e a montaxe son seus”. O quinto posto outórgalles tamén a clasificación para o Trofeo de Alcoy.









