Hoxe é Sábado 7 de Marzo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A neurologopeda Carla Barciela ensina unha xornada no seu traballo polo día da logopedia

WhatsApp Image 2026-03-04 at 13.03.15

Foto de Carla Barciela López

O Día da Logopedia celébrase hoxe, venres 6 de marzo. Trátase dunha data clave para promover e divulgar a profesión do logopeda e este ano, o tema elixido a nivel europeo pola ESLA  é a intelixencia artificial: “Modelando o futuro da logopedia coa intelixencia artificial”. Esta temática invita a reflexionar sobre como a IA pode transformar a avaliación, o diagnóstico, a personalización das terapias e o acceso aos servizos, sempre mantendo a ética e o enfoque humano na profesión.

Carla Barciela López (Redondela) especializada en neurologopedia, subliña a importancia de desestigmatizar a profesión no ámbito sanitario. Lembra que o traballo do logopeda é esencial para mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidades neurolóxicas (como ictus, Parkinson, ELA ou outras patoloxías), e vai moito máis aló do que habitualmente se asocia á profesión: o traballo coa infancia.

Ademais de atender no Centro Bálbora de Redondela, Carla tamén colabora coa Asociación Alento. “Cando pensamos nun profesional sanitario, adoitamos imaxinar un médico ou unha enfermeira. Moita xente aínda cre que os logopedas só traballamos con nenos, pero non é así: desenvolvemos moitas funcións dentro do ámbito sanitario e axudamos a persoas con todo tipo de enfermidades e en todas as etapas da vida”, explica.

Carla ten unha opinión moi clara sobre o tema central deste ano: pode ser unha ferramenta útil, pero nunca o centro de todo. “Se se usa con base científica e ética, a IA pode axudarnos na investigación ou en dar ideas para sesións. Pero os logopedas estamos sempre tendo en conta as necesidades humanas de cada paciente de forma individual, algo que a IA non pode substituír. A tecnoloxía ten que complementar o noso traballo, non facelo por nós”, explica. O coñecemento do caso concreto, a experiencia clínica e o día a día coa persoa segue sendo cousa humana.

“Eu e a miña compañeira supervisamos sobre 100 pacientes”, afirma. Por iso reivindica máis prazas na sanidade pública: “Hai hospitais con só un logopeda para toda a poboación. A nosa figura é moi importante, os sanitarios poderían previr e rehabilitar moito máis rápido se houbese máis medios”.

Este ano decidiron facer un videoblog que mostra un xornada real coas dúas logopedas de Alento, desde organizar a mañá ata dar de comer a alguén para comprobar que non hai riscos, pasando por adaptar recursos ou subir á residencia. A intención é que a xente vexa dende dentro como é o seu traballo e pódese atopar no instagram @alentovigo.

Video de Alento polo Día da Logopedia.
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará