Hoxe é Mércores 4 de Marzo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Bea Queiro volve ao Mundial de Taekwondo Poomsae: do bronce en Hong Kong ao reto de Corea

WhatsApp Image 2026-03-03 at 13.17.40

Foto de Sandra Gardini

Bea Queiro, do Club de Taekwondo Omnihum, volveu clasificarse este ano para o Campionato do Mundo que se celebrará en Chuncheon, Corea do Sur, entre o 16 e o 20 de setembro. Despois de recoller o bronce na categoría de parellas (+60) o ano pasado no Campionato do Mundo de Hong Kong xunto coa Selección Española, este ano repite con dobre participación: tanto en individual como en parellas.

Un dobre billete que conseguiu gracias aos dous ouros acadados no pasado Campionato de España de Poomsae celebrado en Sevilla. Segundo ela mesma recoñece, chegou case por sorpresa: “Sempre levas intención de subir ao podio, pero non esperaba tan bo resultado. Estou contentísima”. Alí os dez compañeiros que participaron subiron ao podio acadando 10 medallas para o club, un fito histórico do que se sinte moi orgullosa.

O Omnihum é un club novo, aínda en crecemento. “Vamos crecendo pouco a pouco. As xeracións van asentándose e esta xeración está a traballar moi ben. No equipo levámonos todos moi ben”, explica Bea. E non dubida en destacar ao seu adestrador: “Iago é un fenómeno. Leva moito tempo facendo taekwondo, decidiu que o seu era ensinar e montou o club. E aí está, sacando resultados case desde o principio”.

Bea Queiro non chegou ao taekwondo de pequena. Comezou aos trinta anos, cando lle doían as pernas e decidiu probar nun ximnasio. Hoxe suma case 25 anos de carreira, cunha pausa de catro anos polo medio, e insiste en que nunca é tarde: “No noso ximnasio agora entran persoas de 50 e 60 anos que o deixaron hai moito e volven empezar. Nunca é tarde”.

A clasificación para Corea non chegou de balde. Bea foi sumando puntos ao longo do ano: tres campionatos de España onde gañou ouro tanto en individual como en parella. Antes, en Hong Kong, xa estivera no Mundial e trouxera o bronce en parella. “Estou nun dos mellores momentos da miña vida”, recoñece.

En Chuncheon espera subir ao podio tamén en individual. “Quero enfrontarme ás asiáticas, ás que levan o taekwondo dentro. Gañarlles sería complicado, pero iso é o que me motiva”. Sabe que o nivel é outro: “Puntúan con moita máis finura. Hai que ter todo perfecto”. Viaxará coa Selección Española e acompañada doutros galegos na aventura.

O próximo reto será, dentro de dous meses, o Campionato de Clubs en Ciudad Real. Alí adestrará coa súa parella catalá e servirá como posta a punto para Corea. Promete levar consigo a bandeira de Redondela e espero poder sacala de novo no Mundial.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará