Hoxe é Martes 3 de Marzo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela impulsa o 8M con “Palabra de Muller”, un programa para visibilizar a voz feminina

8m redondela

A programación inclúe xornadas de debate, monólogos, conferencias e contacontos para visibilizar o papel das mulleres en todos os ámbitos sociais. As actividades contarán coa participación de figuras como as actrices Arantxa Treus, Jazmín Abuín e Olga Cuervo ou as xornalistas Carolina Sertal, Paula Montes e Claudia Morán. O Multiúsos da Xunqueira acollerá unha mostra colectiva dos centros de ensino, centros de día e asociacións redondelás sobre o que significa “ser muller hoxe”.

Baixo o lema “Palabra de Muller”, a Concellería de Igualdade vén de presentar a programación institucional que se celebrará en Redondela co gallo do 8M. Un programa que arranca este xoves 5 de marzo na Biblioteca Xela Arias de Chapela cunha conferencia sobre Rosalía de Castro e o feminismo a cargo de Anxo Angueira, doutor en Filoloxía Galega e presidente da Fundación Rosalía.

A alcaldesa destacou que “este ano queremos poñer o foco na palabra como ferramenta de transformación e empoderamento”, mentres que a concelleira Iria Vilaboa subliñou a importancia das VI Xornadas Gemma Pereira Otero, que serán o eixo central de debate os venres 6 e 13 de marzo.

Unahs xornadas que se dividirán en dúas mesas redondas: o 6 de marzo: “Mulleres de Letras”, coas xornalistas Carolina Sertal (Faro de Vigo), Paula Montes (RadioVigo) e Claudia Morán (Nós Diario, gañadora do V Premio Sesé Mateo); o 13 de marzo o faladoiro levará por título: “Mulleres Invisibilizadas”, coas intervencións de Pilar Martínez (Médica pediatra e fundadora da ONG Da Man), Mª José Rodríguez (Xefa da Unidade de Violencia Contra a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra), Enma Torres (decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo), e Almudena Suárez (Profesora no IES Mendiño e primeira muller segrar autorizada pola Diocese de Tui-Vigo para dirixir a Celebración da Palabra).

O domingo 8 de marzo a cita será no Multiúsos da Xunqueira co monólogo “Meigags”, protagonizado por Arantxa Treus e Jazmín Abuín mentres que o luns 9 de marzo, terá lugar o acto institucional na Praza do Concello, onde a actriz redondelá Olga Cuervo será a encargada de ler a Declaración Institucional.

A programación complétase coa inauguración da exposición “Palabra de Muller” o 10 de marzo, coas mensaxes creadas por centros de ensino, centros de día, colectivos e asociacións redondelás. Trátase de “involucrar a todos e todas neste Día Internacional da Muller”, como explica Iria Vilaboa, “por iso abrimos a mostra colectiva a toda a sociedade, para que escriban a palabra que represente o que significa ser muller hoxe”. O obxectivo é dar voz ás mulleres e ás súas experiencias, “convertendo esa palabra nun símbolo colectivo que visibilice a diversidade, a loita e os avances cara á igualdade”.

A programación inclúe actividades dirixidas ao público infantil co contacontos “Elas tamén contan”, que levará a Olga Cuervo ata Chapela o venres 20 de marzo.

O Concello de Redondela convida a toda a veciñanza a participar nestes actos, todos con entrada de balde. Para máis información, as persoas interesadas poden contactar a través do correo igualdade@redondela.gal

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará