O plan de investimento nos camiños municipais por importe de 2,7 millóns de euros saiu adiante ao contar o grupo de goberno cos votos a favor “por responsabilidade” dos concelleiros do PP mentres que o BNG votou en contra tras acusar ao goberno de Rivas de “caciquear cos camiños” . Si houbo unanimidade á hora de aprobar o proxecto de humanización para a contorna do CEIP de Porto Cabeiro por valor de 400.000 euros.
O plan de mellora, realizado polos servizos técnicos municipais, inclúe a renovación, mellora e acondicionamento de 68 camiños municipais nas 13 parroquias. As obras serán financiadas con fondos propios do Concello do remanente de Tesourería de 2025, que ascende a 5,6 millóns. Así o explicaba a socialista Rita Pérez quen insistía en que estas obras buscan mellorar a accesibilidade e a mobilidade da veciñanza en todas as parroquias dos concellos “sen favoritismos e con criterio técnico” e insistía en que “estamos mobilizando recursos para mellora a calidade de vida da veciñanza e dar resposta a problemas reais”.
O edil de AER Roberto Villar salientaba a importancia das actuacións previstas neste plan que actuará en vías principais pero tamén en camiños e vías que levan décadas abandonados.
Unha proposta que puido saír adiante ao votar a favor o grupo municipal do PP. A edil Ana Alonso argumentaba o voto a favor do seu grupo “por responsabilidade e por coherencia, porque levamos anos reclamando estas actuacións nas parroquias”. Aproveitaba a concelleira popular para criticar ao goberno local “que levan anos sen investir e sen atender unhas obras longamente demandadas polos veciños”. Tiraba tamén da retranca para afirmar que “se gastan eses cartos aquí non os van a gastar en festas”.
No contaron co apoio dos tres votos do BNG quen acusaron ao grupo de goberno de “caciquear cos camiños”. Lamentaron a ausencia dun criterio á hora de decidir que camiños se ían facer e que actuacións ían ter cabida neste plan. Lamentaban tamén que os cartos que se van investir nestas obras procedan dun remanente “que existe porque o goberno deixou de gastar en partidas tan importantes como a emerxencia social, as subvencións deportivas ou outras”.
A proposta saíu adiante finalmente con tan só os tres votos en contra dos concelleiros do BNG e permitirá acometer diferentes actuación como o arranxo da rúa Estación en Chapela, o camiño da Milixosa en Cabeiro; o camino do Casal en Reboreda, a Subida a trasmañó ou o Camiño do Quintán en Cedeira, todos eles con investimentos superiores ou próximos aos cen mil euros. No centro da vila acometeranse tamén obras que afectarán ao Paseo Pexegueiro, Esfarrapada, Pai Crespo e José Regojo.
Humanización CEIP Porto Cabeiro
Si houbo unanimidade á hora de aprobar a humanización da contorna do CEIP Porto Cabeiro. Cun orzamento de licitación de 401.700 euros, a actuación transformará a Estrada de Porto Cabeiro e o Camiño do Campiño para priorizar a seguridade dos escolares e o benestar da veciñanza. O proxecto que abrangue unha superficie de 2.835 m², contempla a transformación radical do viario mediante dúas solucións técnicas: por unha banda unha plataforma única na Estrada de Porto Cabeiro cun espazo amplo e seguro arredor do CEIP, o Parque Infantil Luis Seoane e a parcela dotacional municipal, con novo mobiliario urbano e arborado; por outro lado o calmado de tráfico no Camiño do Campiño, cunha plataforma elevada onde a velocidade se limitará a 10 km/h, garantindo unha senda peonil de 2,5 metros de ancho.









