Unhas 500 persoas acudiron este mércores á concentración convocada conxuntamente polas Anpas e o profesorado dos centros de educación pública de Redondela, Soutomaior, Pazos de Borbén e Vilaboa. A protesta, que arrancaba ás 19:30 horas e se prolongou durante máis dunha hora, serviu para reivindicar melloras das infraestruturas educativas, máis profesorado para avanzar na inclusión e un menor ratio nas aulas que facilite unha mellor atención á diversidade.
A protesta en Redondela foi simultánea á celebrada noutras cinco localidades do sur da provincia. Tras unha pancarta principal co lema “En defensa do ensino público” os manifestantes amosaron tamén outras reivindicacións. “Por un ensino de calidade, menos ratios máis profesorado” ou a “Comunidade educativa en loita polo ensino público” poñendo así de manifesto a preocupación dos convocantes por unha situación que aseguran é alarmante no centros de ensino.
Falouse tamén de situación concretas na nosa bisbarra con numerosos centros con instalacións que presentan graves deficiencias, falta de persoal e de recursos, así como recortes que afectan directamente á atención á diversidade e á inclusión do alumnado. A iso súmase, aseguran, unha sobrecarga crecente que recae tanto no profesorado como nas familias.
Unhas das demandas máis escoitadas fai referencia á dificultade de prestar unha atención real á diversidade debido á falta de profesorado especializado e ao elevado número de alumnos e alumnas por aula.














