Os populares anuncian o seu voto a favor deste investimento de 2,7 millóns “porque é o que levamos pedindo, xunto aos veciños, todo este tempo”, pero cre que a contía é “insuficiente” polo mal estado das pistas. A formación cre que estes anuncios da alcaldesa, xunto coa humanización de Porto Cabeiro ou campo de fútbol da Gándara “chegan moi tarde e responden exclusivamente á presión veciñal e do PP e ao pavor electoral dos socialistas”.
O grupo municipal do PP de Redondela anunciou o seu voto favorable ao plan de mellora de 68 camiños en 13 parroquias por importe de 2,7 millóns de euros que se levará ao pleno do próximo xoves, co cal se garante a súa aprobación. Argumentan o seu voto a favor “por responsabilidade” e pola necesidade a acometer unhas obras longamente demandadas polos veciños.
Con todo aseguran que a contía é totalmente insuficiente, xa que tras sete anos sen investimentos os camiños rural están en moi malas condicións, polo que, dado o importe, “nalgúns casos danos a impresión de que só van facer un parcheo”, manifestou o voceiro municipal, Javier Bas, que tamén anunciou que o PP permanecerá moi vixilante para o cumprimento dos prazos e da execución desta mellora pola “falta de confianza” no goberno.
Para o concelleiro popular, este proxecto de 2,7 millóns de euros supón un “recoñecemento implícito” de que durante estes dous mandatos, pero especialmente nos 32 meses do actual, o goberno “non fixo os deberes, como levamos denunciando, e non cumpriu coas obrigas dos máis de 13.000 veciños que viven no rural de Redondela”.
Neste senso, engadiu que outros dos proxectos que van ao pleno desta semana, consistentes na humanización dun espazo público na contorna do CEIP de Porto Cabeiro, en Vilar de Infesta, e a renovación integral do campo de fútbol da Gándara, na parroquia do Viso e onde xoga o Cesantes “tamén chegan moi tarde e responden exclusivamente á presión exercida durante todo este tempo polos veciños e polo PP e ao pavor electoral dos socialistas, que anuncian para o último ano o que non fixeron en sete e dos que, reiteramos, temos moitas dúbidas”.
Ao respecto, o PP tamén garantiu que estas dúas actuacións sairán adiante, pois contarán co seu voto favorable. Con todo, no caso do campo de fútbol, lembran que esta inversión vén provocada pola mala xestión no control da execución da obra, o que obriga a volver investir 470.000 euros nun recinto deportivo que fora renovado de maneira integral hai menos de cinco anos.









